Visita do señor Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia
Ao longo de toda a mañá do pasado venres, día 27 de outubro, don Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia –acompañado de don Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, de don Pablo Ferradás Madriñán, xefe de gabinete da Consellería de Cultura e de don Alejandro López Dobarro, delegado do Goberno Galego en Buenos Aires– visitou o noso centro educativo, actividade esta que –cabe destacar– prioriza na súa axenda de viaxe en todos cantos desprazamentos realiza á nosa cidade.
Inauguración do 6.º andar do instituto
Coa presenza dos membros da Delegación arxentina da Fundación Galicia América, encabezados por don Manuel Peleteiro Pérez, o conselleiro descubriu a placa conmemorativa que certifica este transcendente avance que permitirá ao noso alumnado ter á súa disposición máis e mellores recursos para a súa aprendizaxe.
Un laboratorio para tarefas prácticas nas materias de física e química, unha sala de informática dotada de 32 novos computadores en rede e unha pantalla táctil interactiva de última xeración, unha sala de lectura, unha biblioteca que se une á xa existente no segundo piso, unha moderna sala (“Aula Maker”) para o traballo con robótica centrado no pensamento lóxico e de computación, unha aula destinada a albergar os diferentes departamentos institucionais e a oficina do Equipo de Orientación Escolar son, entre outros que se engadirán, espazos que propiciarán unha aprendizaxe dinámica cun enfoque de ensino caracterizado por cambios constantes; labor e progreso que supere os límites áulicos físicos, promova a investigación, a colaboración e a solución de problemas, todos sinais de identidade do noso quefacer cotián.
Durante o acto, que estivo conducido pola alumna Lucila Vilariño e o alumno Luca Martul, o señor Peleteiro agradeceu publicamente o esforzo da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense para concretar este logro en situacións complicadas que non son alleas e convidou ao señor conselleiro a inaugurar o próximo ciclo lectivo. Esperemos que teñamos a satisfacción de que o ano que vén o conselleiro nos acompañe no inicio do curso escolar.
Pola súa banda, don Román Rodríguez González manifestou o orgullo de estar neste colexio, unha das grandes institucións educativas galegas, que realiza un traballo encomiable en defensa da identidade de Galicia. O conselleiro catalogou ao Instituto Santiago Apóstolo como a gran embaixada cultural e educativa de Galicia e lembrou o paso de grandes intelectuais galegos que cando regresan á súa terra falan marabillas da atención recibida por parte do alumnado, das súas inquietudes e curiosidades. Resaltou o mandatario a viaxe de estudos que os/as estudantes maiores realizan todos os anos grazas á colaboración da Xunta de Galicia, estadía que permite aos mozos e mozas empaparse das nosas tradicións e da nosa forma de ver a vida. Cando estamos neste instituto estamos na nosa casa e recoñecer que este proxecto non só se mantén, senón que medra substancialmente, educando a rapaces e rapazas para facilitarlles unha vida plena é unha satisfacción enorme concluíu.
Percorrido polas instalacións e saúdo ao alumnado
Finalizado o acto formal, o señor conselleiro percorreu todas as instalacións da escola, coñeceu e avalou o proxecto educativo institucional, animou a continuar o vieiro trazado e saudou e dialogou cos nenos, nenas e adolescentes dos diferentes niveis pedagóxicos que estaban ansiosos por brindar unha cálida benvida aos ilustres visitantes.
Reunión do Padroado da Fundación Galicia América
Ademais das ocupacións citadas, don Román Rodríguez, na súa calidade de presidente do Padroado da Fundación Galicia América, conduciu a reunión anual do órgano xestor do Instituto Santiago Apóstolo na que se presentou o Plan programático 2024, se aprobaron os balances económicos e se proxectaron accións futuras.
Encontro co alumnado de 4.º e 5.º de bacharelato
O señor conselleiro non quixo finalizar a intensa axenda sen dialogar co alumnado maior, momento no que aproveitou para explicar as posibilidades de estudar en Galicia grazas á “Estratexia Galicia retorna” que promove a Xunta de Galicia co obxectivo de que mozos e mozas residentes fóra da Comunidade Autónoma Galega poidan cursar ensinos de formación profesional en institucións educativas de Galicia mediante bolsas que cobren a matrícula na universidade, o desprazamento desde o país de orixe, o aloxamento e a manutención.
Grazas, don Román, polo seu permanente apoio.
VER VIDEO AQUÍ