Fillas de Cassandra, Premio Rosa dos Ventos 2024
Concedido anualmente polo alumnado do 5.º curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires
O grupo musical Fillas de Cassandra foi galardoado neste 2024 co premio Rosa dos Ventos que cada ano concede o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo de Bos Aires. Os alumnos e alumnas de 5.º curso de bacharelato recoñecen con esta distinción “a dignificación da cultura tradicional galega dende unha aposta moderna e atractiva para as novas xeracións, mais fiel á raizame que a creou”. Os mozos e mozas resaltaron que “nos tempos que corren cómpre enxalzar e dar a coñecer o patrimonio cultural material e inmaterial dos pobos para que non esmoreza no esquecemento”.
Por outro lado, consideran de suma importancia “aprender dos devanceiros, escoitar as súas ensinanzas e facelas propias para transitar o presente e construír futuro, sempre sen esquecer nin deturpar a realidade de cada cultura”.
Na carta que lles escribiron a Sara e a María, os rapaces e rapazas deixaron constancia do seu compromiso co patrimonio material e inmaterial galego: “Consideramos que enxalzar a cultura galega dentro e fóra das fronteiras administrativas de Galicia non é máis que unha demostración vizosa de que non existen acervos mellores ou peores”. Asemade, resaltaron que “reivindicar o papel da muller tan inxustamente avaliado aínda agora con estereotipos que ben cumpriría eliminar é outro dos múltiples factores que nos levaron a decidir que Fillas de Cassandra sexa merecente do Rosa dos Ventos deste ano”. E engadiron: “Gústanos a vosa música e a aposta escénica moderna e atractiva; por isto, modestamente, tamén nos atrevemos a interpretar algún tema voso con moito orgullo, facéndoo noso e gozando infinitamente deses ritmos que conxugan tradición e modernidade acompañados dunhas letras coas que tamén nos identificamos”.
Pola súa parte, as artistas viguesas expresaron a súa satisfacción polo recoñecemento e no vídeo que lles remitiron aos alumnos deixaron claro que “nunca haberá quilómetros suficientes para que a comunicación non poida existir e, sobre todo, habendo música de por medio”. Sara e María manifestaron a súa ledicia polo premio e transmitíronlles aos mozos e mozas palabras de fondo agradecemento. “Que vos guste a nosa música, as nosas letras e as vivencias compartidas énchenos de orgullo. Saber que todo este traballo se ve reflectido en vós é algo fermosísimo”. Ademais, deixaron constancia do “ánimo que o Rosa dos Ventos nos traslada para seguir facendo as cousas como as facemos” e expresaron “a esperanza de visitar pronto Arxentina para compartir momentos de música, sempre defendendo a nosa lingua”, feito este que agradeceron ao Santiago Apóstolo.
Premio Rosa dos Ventos
O Rosa dos ventos é un premio que desde hai 12 anos outorga o alumnado do último curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires. Con el preténdese homenaxear a un home, muller ou entidade que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do centro educativo. Asemade, simboliza a irmandade cos premiados para que continúen acompañando o labor pedagóxico da escola e difundan as actividades que desenvolve. Nestes anos, foron premiados o actual presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes (2012); o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar (2013); o escritor e académico, Manuel Rivas (2014); o músico Carlos Núñez (2015); o profesor e académico, Henrique Monteagudo (2016); o físico Jorge Mira (2017); a escritora e académica Fina Casalderrey (2018); a Editorial Galaxia (2019), a atleta Ana Peleteiro (2020), a escritora Andrea Maceiras (2021), o grupo musical Tanxugueiras (2022) e Xabier Díaz (2023).
Fillas de Cassandra
Fillas de Cassandra é un dúo musical galego formado en 2022 por María Soa (Vigo, 1996) e Sara Faro (Vigo, 2001). A súa música está baseada na tradición musical e oral galega, o feminismo, os sons modernos e a mitoloxía grega.
Apostan pola recuperación de melodías tradicionais e novas líricas, inspiradas nos cantos de tradición oral, con influencias do pop, a música electrónica e a música clásica. Propoñen un espectáculo teatral do que forma parte o público, sempre desde unha ollada feminista e actual e no que o piano e as percusións están apoiadas en bases electrónicas.
Na tradición, os temas están influenciados por Xosé Lois Romero e Aliboria, Leilía, Baiuca e Contrapunto das Tanxugueiras. Nas harmonías hai referentes do barroco e pola electrónica inflúen Rosalía ou Bad Gyal.
Nuevo videoclip AQUÍ