O grupo Tanxugueiras, Premio Rosa dos Ventos 2022

Tanxugueiras

O grupo musical Tanxugueiras é o galardoado neste 2022 co premio Rosa dos Ventos que cada ano concede o Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires.

Os alumnos e alumnas de 5.º curso de bacharelato recoñecen con esta distinción “o traballo que Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro desenvolven para enxalzar e espallar o patrimonio material e inmaterial de Galicia cunha aposta moderna e atractiva, mais fiel á raizame que se consolidou ao longo dos tempos, pois na actualidade cómpre achegar ás novas xeracións a cultura de Galicia cunha linguaxe adaptada ao contexto histórico e, con isto, lograr que non esmoreza no esquecemento”.

Ademais, destacan que para este curso “supón un motivo de orgullo ver que 3 mozas feministas e apoderadas, cunha linguaxe verbal e escénica reivindicativa, poñen en valor a muller e tratan de provocar ideas, educar, abrir mentes e, con isto, superar estigmas doutros tempos que aínda sobreviven desgraciadamente no presente”.

Por outro lado, consideran que “o que Tanxugueiras está conseguindo ao espallar a cultura galega dentro e fóra das fronteiras administrativas de Galicia non é máis que unha demostración vizosa de que non existen acervos mellores ou peores e que a necesaria diversidade é o único fincón que permitirá a subsistencia dos pobos”.

Na carta que escribiron ao grupo afirmaron: “Con certeza, Galicia precisa das vosas voces libres que engarzan berros de liberdade para xunguir outras moitas que, coma nós, vos temos como exemplo a seguir”. Na misiva tamén deixaron constancia de que o acto institucional conmemorativo do Día de Galicia que contou coa presencia da presidenta do Consello da Cultura Galega se pechou cunha actuación musical baseada nos temas “Figa”, “Terra” e “Seghadoras” que o grupo galego popularizou ao longo das súas prolíficas actuacións e que os mozos e mozas do colexio galego da capital arxentina fixeron seus en sinal de homenaxe.

Este premio, que recolleron en edicións anteriores importantes personalidades e institucións recae no grupo Tanxugueiras “porque véndoas e escoitándoas sentímonos representados e orgullosos da Galicia que nós tamén modestamente defendemos, pois acubillou a nosa educación”.

Pola súa parte, Olaia Maneiro, en representación do grupo premiado, enviou un vídeo para o alumnado no que expresou a ilusión que lles fixo sabérense premiadas co Rosa dos Ventos deste ano, fundamentalmente, por estar outorgado por xente nova que loita polo idioma e a cultura de Galicia dende lonxe e expuxo o desexo que teñen de visitar Bos Aires, momento no que prometeu que visitarán o Santiago Apóstolo para transmitir en persoa a gratitude polo galardón.

O Rosa dos Ventos

O Rosa dos ventos é un premio que desde hai 11 anos outorga o alumnado do último curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires. Con el preténdese homenaxear a un home, muller ou entidade que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do centro educativo. Asemade, simboliza a irmandade cos premiados para que continúen acompañando o labor pedagóxico da escola e difundan as actividades que desenvolve. Nestes anos, foron premiados o actual presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes (2012); o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar (2013); o escritor e académico, Manuel Rivas (2014); o músico Carlos Núñez (2015); o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo (2016); o físico Jorge Mira (2017); a escritora e académica Fina Casalderrey (2018); a Editorial Galaxia (2019), a atleta Ana Peleteiro (2020) e a escritora Andrea Maceiras (2021).

Tanxugueiras

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu apoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.

O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que xa as fixo triunfar en escenarios de varios países.

Aválanas éxitos como ‘Midas’, Figa’, ‘Averno’ (colaboración con Rayden), ‘Pano Corado’ ou ‘Terra’ (con máis de 23.000.000 escoitas nas plataformas dixitais), tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Fest. Todas elas forman parte do seu novo disco, DILUVIO, publicado o 29 de xullo de 2022, e que presentan no potentísimo show da Xira Midas.

Son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile. Son todos os mundos nun só. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.
Co seu primeiro álbum homónimo, publicado en 2018, o trío inicia unha traxectoria que as leva a visitar, en só 3 anos, máis de 100 escenarios de todo o planeta acompañadas polas súas pandeiretas. No 2019 chega ‘Contrapunto’, un disco que incrementa as revolucións da música galega coa reinterpretación de coplas tradicionais, ateigadas de arranxos e harmonías diversas.

Xa no 2021, comezan a explorar con curiosidade –coa colaboración do produtor Iago Pico– a fusión da tradición e a potencialidade das súas voces con sonoridades urbanas e modernas, ata converterse no que son hoxe en día: unha das propostas máis innovadoras, auténticas e sorprendentes do país.

Fonte: https://tanxugueiras.com

 

Galería de fotos