O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o presidente da Real Academia Galega visitan o noso instituto

20250429_102716

O Instituto Santiago Apóstolo tivo a honra de recibir a visita do presidente da Real Academia Galega (RAG), D. Henrique Monteagudo Romero, e do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Sr. Anxo Lorenzo Suárez. Ambos os dous estiveron acompañados por dona Cristina Rubal González, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro do executivo autonómico. Tamén asistiu ao acto a supervisora da Dirección Xeral de Educación de Xestión Privada, dona Patricia Santalucía.

Sofía Conde Quispe, presentadora do evento, resaltou a relevancia do encontro: “Para nós, ter a oportunidade de escoitar directamente ao máximo representante da institución que vela pola nosa lingua, e contar coa presenza de tan distinguidas autoridades culturais do Goberno galego, é moito máis ca unha clase maxistral; é un privilexio, unha fonte de motivación e unha aprendizaxe que, sen dúbida, deixará unha fonda pegada.”

Esta visita, realizada no marco da presenza dunha destacada delegación cultural galega na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, reafirma os sólidos vínculos culturais entre Galicia e a comunidade educativa do Instituto Santiago Apóstol e representa, ademais, un significativo recoñecemento ao labor do centro na promoción da lingua e da cultura galegas, en consonancia co seu ideario institucional, onde a calidade educativa constitúe un piar fundamental.

Antes de impartir a conferencia titulada “Castelao, a forxa dun mito”, destinada ao alumnado do nivel Secundario, o profesor Monteagudo recibiu o diploma outorgado polos estudantes de dita promoción, e a figura conmemorativa correspondentes ao “Premio Rosa dos Ventos 2016”. Durante a súa alocución, o presidente da RAG expuxo a traxectoria vital de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, afondando na súa faceta artística e destacando o seu crucial labor político, indispensable para comprender a Galicia contemporánea. Ao rematar, respondeu diversas preguntas formuladas polo alumnado.

Pola súa banda, D. Anxo Lorenzo expresou o seu agradecemento polo traballo da institución educativa na defensa e promoción do patrimonio material e inmaterial de Galicia na denominada “quinta provincia”, e alentou á mocidade a proseguir os seus estudos con entusiasmo.

Ademais, entregoulle ao instituto dúas pandeiretas doadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Posteriormente, os representantes galegos mantiveron unha xuntanza coa Delegación arxentina da Fundación Galicia América, durante a cal avaliaron os proxectos institucionais en curso e as accións futuras planificadas.

O acto concluíu coa sinatura no libro de visitas do instituto e coa doazón á biblioteca do centro dun exemplar da obra “Castelao. Defensa e ilustración do idioma galego”, por parte do presidente da RAG.

Galería de fotos