¡Día de Galicia 2016!

Mira fotos do acto, facendo CLIC AQUI

 

Coma todos os anos facemos, antes de principiar as vacacións de inverno, celebramos o noso particular Día de Galicia.

Nesta ocasión, quixemos renderlle unha homenaxe ás Irmandades da Fala no 100.º aniversario da súa creación. Deste xeito, o acto, que foi conducido por Agustina Torres e Joaquín Pinacho, alumnos de 5.º de Bacharelato, lembrou a ese grupo de homes e mulleres que permitiron un avance na consideración da lingua galega a comezos do século XX e a converteron ademais nun idioma plenamente actual e útil.

Principiou a festa coa proxección dun vídeo no que Roi Casal, amigo do noso instituto, interpretou un tema baseado no poema “A fala”, obra de Manuel María Fernández Teixeiro, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. A continuación, o grupo de Bailes Tradicionais do instituto baixo a dirección da profesora Mari Patiño, acompañado por música en vivo interpretada por alumnos e alumnas, presentou 4 pezas tradicionais e o coro escolar, dirixido pola profesora Susana Ferré cantou 3 pezas moi especiais: “O meu país” de Miro Casavella, “Fui eu madr´e en romaría a Faro”, cantiga número 100 das Cantigas de Santa María de Afonso X e “Madrigal á cibdá de Santiago”, poema recollido no libro “Seis poemas galegos” de Federico García Lorca.

Posteriormente, un grupo de rapazas de Bacharelato trouxo a escena a ritmo de rap o poema “Adios ríos, adios fontes” de Rosalía de Castro que foi adaptado pola profesora Alejandra Lorenzoe, xusto despois, Lucila Vilariño, alumna de 5.º de Primaria, narrou un relato de Sergio Tannus que está recollido no libro “Alegría” editado pola Editorial Galaxia e introduciu a outro grupo de mozas –tamén do nivel Primario– que cantaron “Libre para voar”, tema recollido na mesma obra.

Continuaron os festexos coa versión rock do poema “Lela” que prepararon Alan Contreras, Francisco Ayré, Nacho Alcántaro, Luna Fernández, Lautaro Rojas, Belén Busca e Valentina Aldunate. Lembremos que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao escribiu este poema para a obra de teatro “Os vellos non deben de namorarse”, estreada con gran éxito acó en Bos Aires, no teatro Mayo, no ano 1941.

Pechou a celebración o grupo do Obradoiro Extracurricular de Música que dirixe a profesora Julia Faletty interpretando a canción tradicional “A Carolina” e “Onde vas ti indo”.

Galería de fotos