Visita do presidente do Parlamento de Galicia
Don Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia, visitou na mañá de hoxe o noso centro educativo.
Acompañado polo delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, don Alejandro López Dobarro, e polo catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, doutor Ramón Villares Paz, foi saudado en primeiro lugar por unha representación do alumnado de 5.º curso de bacharelato que quixo retribuír a recepción que hai uns meses o presidente do Parlamento Galego lles concedeu durante a súa viaxe de estudos.
Logo dos saúdos ás autoridades institucionais e educativas do Instituto Santiago Apóstolo, coñeceu o sexto andar do edificio escolar de recente inauguración, percorreu algunhas aulas dos niveis primario e inicial e dialogou de xeito distendido co alumnado.
Posteriormente, na sala de reunións da Fundación Galicia América, os ilustres visitantes mantiveron un encontro no que puideron coñecer polo miúdo as actividades que o noso colexio desenvolve na defensa e potenciación de Galicia nesta quinta provincia, algunhas das liñas de acción futuras e a e asinaron no libro de visitas. Asemade don Miguel Ángel Santalices agasallou á escola cun exemplar do libro “Os tempos son chegados. Un balance da Galicia Autonómica, 1981 – 2021” xunto a unha maqueta e unha cerámica de Sargadelos que recrean o edificio que alberga o Parlamento de Galicia.
Pola súa parte, o profesor Ramón Villares entregou para a biblioteca do colexio un exemplar do libro “Galicia e Portugal. Irmandade e fronteira” que saíu do prelo neste 2023 editado pola Editorial Galaxia.
Vaian estas liñas para agradecer tan transcendente visita, chea de cordialidade, irmandade e aprendizaxe.