Visita de Xurxo Núñez e Pancho Álvarez
O noso instituto tivo a honra de recibir aos músicos Xurxo Núñez e Pancho Álvarez que, aproveitando a súa visita a Bos Aires con motivo do concerto sinfónico que mañá ofrecerán no Teatro Colón, quixeron compartir uns momentos co noso alumnado.
Os prestixiosos artistas, membros do conxunto musical que encabeza o noso amigo e premio Rosa dos Ventos do colexio, Carlos Núñez, saudaron aos nenos e nenas do nivel inicial e mantiveron un encontro co alumnado maior nun Salón Valle Inclán ateigado de espectativa por poder coñecer a dúas sobranceiras figuras da cultura galega.
Aprendizaxe, diversión, baile e boa música fixeron vibrar aos máis de 300 alumnos e alumnas que encheron o teatro de emoción nunha experiencia inesquecible.
Dende o Instituto Santiago Apóstolo agradecemos a xenerosidade e acompañamento que todo o grupo ten co noso centro educativo e non esquecemos que en todas cantas visitas realizaron a Bos Aires sempre quixeron vir vernos e brindarnos o seu apoio incondicional.