Visita de Xavier Alcalá, Tamara Andrés e Ricardo Rozas

O noso centro tivo o privilexio de recibir hoxe a visita de destacados expoñentes do eido literario e editorial, nunha xornada dedicada ao fomento da lectura, a escrita e a reflexión sobre temas de actualidade.
Durante a mañá, o alumnado de 3.º, 4.º e 5.º cursos do Ensino Secundario participou nun encontro de grande interese co recoñecido escritor Xavier Alcalá e o editor Ricardo Rozas, que explicaron o proceso creativo da obra literaria, tomando como exemplo a extensa produción do autor de “A nosa cinza”. A charla, centrada nos desafíos que expón a Intelixencia Artificial na sociedade contemporánea, abordou as enormes posibilidades que ofrece esta tecnoloxía, pero tamén se fixo fincapé na necesidade de aproximarse a ela con sensatez, criterio propio e independencia para aproveitar o seu potencial de forma ética e construtiva. Os estudantes tiveron a oportunidade de dialogar e expor as súas inquedanzas sobre o futuro marcado pola IA no eido creativo, laboral e persoal.
Paralelamente, o alumnado de 6.º curso do Ensino Primario gozou dun enriquecedor obradoiro de poesía impartido por Tamara Andrés, destacada autora no panorama das letras galegas. A través de dinámicas participativas e exercicios creativos, os escolares exploraron a linguaxe poética, descubrindo como a creatividade flúe en cada verso e atopando novas formas de expresar emocións e ideas a través da palabra escrita. O obradoiro buscou espertar a súa sensibilidade artística e fomentar o gozo da poesía desde idades temperás.
Posteriormente, os intelectuais mantiveron un produtivo encontro co equipo directivo do noso centro e asinaron o libro de visitas institucional.
Agracecemos novamente á Xunta de Galicia a súa colaboración para que estas experiencias directas con autores e profesionais do sector cultural se puidesen levar a cabo, pois resultan fundamentais para complementar a formación académica do alumnado, abrir novos horizontes e espertar vocacións, reforzando o compromiso do centro cunha educación integral e conectada coa realidade actual e o mundo da cultura.