Unha lenda da música no Santiago Apóstolo. Visita de Yosi, líder de “Los Suaves”
Yosi Domínguez, líder do mítico grupo de rock “Los Suaves”, visitou o noso colexio por vez primeira. Acompañado da súa dona, percorreu algunhas aulas, dialogou co profesorado e, fundamentalmente, achegouse aos máis novos. Para eles, incluso interpretou un fragmento do seu tema “Pardao” ante a mirada atenta e asombrada dos nenos e nenas que estiveron ao seu carón en todo momento. Asemade, durante o percorrido polas instalacións, xentilmente accedeu a retratarse con todos os mozos e mozas que desexaban saudalo e fixo entrega de varios libros para a biblioteca do instituto, entre estes, os dous volumes de “Canciones, algún desliz y dos o tres fotografías” que inclúen toda a súa obra literaria para Los Suaves e saúdos de compañeiros de profesión.
Logo do percorrido, mantivo un encontro co presidente da Delegación arxentina da Fundación Galicia América. Nesta reunión, interesouse polo proxecto pedagóxico que o noso instituto desenvolve, púxose a disposición do Santiago Apóstolo para todo canto fose mester e comprometeuse a espallar en Galicia o “excelente traballo que este colexio leva adiante”.
Foi unha mañá de aprendizaxes constantes que agradecemos. Un home grande, un referente, unha estrela con millóns de seguidores, con millóns de discos vendidos… Mais, por riba de todo, un home humilde e xentil; unha persoa boa e xenerosa. Moitas grazas, Yosi, por todo.
Los Suaves
Con máis de 2 millóns de discos vendidos en toda a súa carreira, Los Suaves son historia viva do rock. Nos seus máis de 1000 concertos en directo, actuaron con importantes grupos; entre eles, Ramones e Rolling Stones.
Recibiron innumerables premios e recoñecementos, tanto polos seus discos, xiras, concertos, como individualmente como músicos, intérpretes e compositores.