Sabela Hermida no Instituto Santiago Apóstol
Aproveitando unha viaxe de lecer á Arxentina, a prestixiosa actriz e escritora galega Sabela Hermida quixo xentilmente achegarse ao noso colexio para compartir uns momentos co alumnado maior da institución.
Na charla que desenvolveu perante os mozos e mozas de cuarto e quinto de bacharelato afondou na figura da actriz María Casares, galega ilustre exilada en Francia que levou o nome de Galicia polos máis importantes teatros do mundo reivindicando sempre a liberdade, a independencia e a democracia para o seu país de orixe.
Sabela –licenciada en Filosofía na Universidade de Granada e doutora en Artes Escénicas coa tese “Desarrollo artístico de María Casares dentro del marco existencialista francés”– realizou neste encontro dinámico e atrapante un percorrido por diferentes etapas da vida da xenial artista e resaltou, entre outros, o seu papel de muller comprometida.
Logo da conferencia, Sabela puido coñecer a liña pedagóxica do Instituto Santiago Apóstol, percorrer parte das instalacións e dialogar co equipo directivo institucional.