O Presidente da Deputación de Ourense inaugurou a aula Eduardo Blanco-Amor
Xosé Manuel Baltar Blanco, presidente da Deputación de Ourense, inaugurou hoxe no Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires a aula Eduardo Blanco-Amor, lugar de estudo dos mozos e mozas de 5.º curso de Bacharelato do colexio.
Logo de percorrer as instalacións do centro educativo, compartir experiencias cos máis novos e interiorizarse das actividades que desenvolve a institución, Xosé Manuel Baltar, acompañado por unha comitiva ourensá na que estaban, entre outros, os alcaldes do Carballiño, Fancisco Fumega; de Celanova, Xosé Luís Ferro, e Petín, Miguel Bautista Carballo; representantes dos diferentes grupos políticos da provincia de Ourense; o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luís Saco; o secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro e o presidente do Centro PEN Galicia, Luís G. Tosar, achegouse a saudar o alumnado maior do instituto.
Os alumnos Rocío de León e Facundo Pedrozo déronlle a benvida destacando: “Considerámonos, señor presidente, unha parte de Galicia, coñecemos a súa historia pretérita, valoramos a súa realidade presente e traballamos para contribuír con humildade no seu vizoso futuro. Somos, don Xosé Manuel, un alicerce activo que co noso estudo e preparación levamos agora e levaremos nos traballos que desempeñemos no día de mañá a Galicia sempre presente como constituínte da nosa personalidade”. Asemade, engadiron: “Somos fieis garantes dunha marca que ha fuxir de ornamentos improdutivos e debe mergullarse no mundo vertixinoso do século presente con coñecemento e sabedoría. Cremos nunha marca ´Galicia´ que ten potencialidade para inserirse no mundo sen complexos, simplemente compartindo espazos e viaxando por camiños de concordia intransitados”.
Na alocución, seguida con moita atención polo presidente e os acompañantes, os presentadores non se esqueceron de Ourense e recordaron o Grupo Nós: “Veñen vostedes dunha provincia que acubillou quizá a xeración máis importante que deu a cultura galega. Un grupo de homes que construíron a súa universalidade sen esquecer as singularidades; homes que crían nun mundo diverso e plural, xente que sen refugar do seu punto de partida viaxaron arredor de si para erguer aos galegos ata unha dimensión universal”.
Manuel Peleteiro Pérez, presidente da Delegación arxentina da Fundación Galicia América, propietaria do centro de estudos, tomou a palabra para agradecerlles aos visitantes o interese mostrado polo colexio e pediulles que sigan acompañando a tarefa pedagóxico-institucional coa certeza de que este instituto é a obra máis transcendente que a comunidade galega puido erguer, pois permitirá un futuro vizoso para a cultura de Galicia na Arxentina.
Xosé Manuel Baltar dirixiuse aos mozos e mozas que o escoitaban agradecéndolles o seu compromiso e cariño cara ao patrimonio galego e pediulles que seguisen a construír Galicia co seu traballo cotián, que proxectasen o seu futuro levando sempre a terra galega consigo e que non esquezan que o Santiago Apóstolo ten un lugar en Ourense e Ourense teno no Santiago Apóstolo.
Logo dos discursos e saúdos coa rapazada, Xosé Manuel Baltar, Manuel Peleteiro e o alumno Matías Ávalos en representación dos seus compañeiros inauguraron a aula Blanco-Amor descubrindo unha placa que testemuña tal feito. O poeta Luís González Tosar recordou ao autor da Esmorga con cariño e emoción. Del dixo que era un home bo, incomprendido moitas veces, e un referente para a cultura galega. “Hoxe Blanco-Amor estará feliz”, concluíu.
Para pechar a visita, o presidente da deputación ourensá mantivo un encontro coa Delegación arxentina da Fundación Galicia América e asinou o libro de ouro institucional.
+ FOTOS AQUÍ