O escritor Manuel Rivas leva o Premio Rosa dos Ventos 2014

A distinción que outorga anualmente o alumnado de 5.º curso de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires quedou nas mans do autor e académico, Manuel Rivas.

Nunha vindeira visita á Arxentina, o prestixioso intelectual recibirá o recoñecemento nunha cerimonia que se desenvolverá no centro educativo e estará organizada polos mesmos rapaces que o escolleron.

 

Bos Aires, 22 de outubro de 2014– O escritor e académico Manuel Rivas, autor da célebre novela O lapis do carpinteiro e do conto A lingua das bolboretas, e Premio Nacional de Literatura de España en 1996, foi recoñecidoco premio “Rosa dos Ventos” que, dende o 2012, entregan anualmenteos rapaces e rapazas de 5.º curso de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires.

“A figura de Rivas representa un guieiro que acrecenta en nós o respecto pola cultura galega, que permite que nos mergullemos no mundo de Galicia conxugando razón e imaxinación e que nos fai sentir partícipes dese proxecto colectivo que engloba o patrimonio cultural galego”, explicaron os mozos e mozas.

Ademais, engadiron: “A defensa dos valores fundamentais do ser humano, o seu xeito de ver a vida, a súa postura de defensa activa da cultura galega e da súa lingua, a predisposición para atendernos e crer en nós son principios que valoramos moito”.

O día 10 de outubro pasado, logo de presentar as diferentes candidaturas, realizouse no centro educativo a votación segundo as regras estipuladas nas bases do galardón. O escrutinio posterior fixou que o alumnado considera merecente do premio “Rosa dos Ventos 2014” ao escritor e académico, Manuel Rivas Barrós.

“As súas conviccións inalterables, o espírito crítico e construtivo que espalla alí onde está, a súa inxente creatividade e a súa perseveranza para defender as liberdades individuais e a memoria histórica fan que nos sintamos orgullosos de homenaxealo con este humilde premio”, expuxeron os rapaces para argumentar a súa decisión.

A comezos do ano 2012, o alumnado de 5º curso de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires presentou á Delegación arxentina da Fundación Galicia América unha proposta anovadora e que o órgano xestor do centro educativo aprobou e apoiou atendendo aos baseamentos que tal proxecto ten.

Aquela proposición consistía na creación dun premio anual para homenaxear a un home ou muller que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do Instituto Santiago Apóstol. Ademais, esixíase do premiado que mostre  compromiso co labor pedagóxico realizado no centro educativo e contribúa na divulgación das actividades que se realizan apoiando as múltiples iniciativas que dende esta beira do Atlántico se presentan.

Deste xeito, nacía o premio “Rosa dos Ventos” coa firme intención de recoñecer humildemente o esforzo das personalidades que desinteresadamente acompañan ao establecemento educativo e reflicten os valores democráticos que o Santiago Apóstol defende.

Así, en todos os ciclos lectivos a partir daquel, o alumnado maior da institución (5.º curso de Bacharelato) propón de xeito individual os/as candidatos/as que consideren merecentes de ser homenaxeados e fundamenta as razóns para tal escolla. Unha vez designadas as candidaturas, realízase unha votación interna con voto secreto entre os alumnos e alumnas que compoñen o curso, a cal designa a persoa galardoada dese ano.O ano 2012 o premiado foi o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e no 2013 o galardón recaeu en Luís G. Tosar, presidente do Centro PEN Galicia.

 

Instituto Santiago Apóstol

O Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires vén desenvolvendo dende hai máis dunha década un traballo continuo no asentamento, potenciación e espallamento dos valores patrimoniais galegos dentro dun currículo parello ao dos centros asentados na Galicia territorial.

Este centro educativo, xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires), desenvolve un proxecto educativo bicultural nos niveis Inicial, Primario e Secundario e traballa co obxectivo primordial de brindar unha educación de calidade contrastada, elemento fundamental na promoción dunha escola que leva implícito o nome de Galicia fóra das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma.

Así, a custodia, difusión, reforzamento e desenvolvemento do patrimonio material e inmaterial galego en todos os campos e a oferta dunha educación aberta aos cambios que esixen os novos tempos son alicerces innegociables do centro educativo, piares básicos que sustentan todos os traballos cotiáns.

Fonte: Instituto Santiago Apóstol (www.santiagoapostol.edu.ar)

 

Manuel Rivas Barrós

Manuel Rivas Barrós. (24 de outubro de 1957, A Coruña). Escritor e xornalista español en lingua galega e castelá.

Licenciouse en Ciencias da Información en Madrid, onde fundou a revista Loia. De regreso á Coruña colaborou con distintos medios de prensa e audiovisuais; foi subdirector de Cambio 16 de Galicia e responsable da sección cultural de El Globo. Na actualidade, colabora habitualmente no xornal El País.

A súa preocupación política levouno a escribir Os partidos políticos na Galiza (1977) en colaboración con Y. Taibo e o Informe dunha frustración (1980), con J.A. Gaciño. Mergullouse na narrativa coa novela curta Todo ben (1985), dirixida a un público xuvenil. A esta seguírona, entre outros, o libro de relatos Un millón de vacas (1990), o relato O último rei dos galegos (1990), onde xoga con dous planos temporais, do mesmo xeito que En salvaxe compaña (1994), polo que obtivo o Premio da Crítica. En 1996 publicou os contos de Que me queres, amor?, que falan de amores e soidade, pero que non están exentos de humor e tenrura. Este libro obtivo o Premio Nacional de Narrativa dese ano e o Premio Torrente Ballester e foi traducido a varios idiomas, o mesmo que a novela O lapis do carpinteiro (1998), baseada nun feito real. De 1999 é Ela, maldita alma, recompilación de trece relatos sentimentais, de coidadosa linguaxe, nos que mestura ficción e realidade.

Obras posteriores son a novela Os libros arden mal (2006) e o ensaio A corpo aberto (2008). Tamén publicou oito poemarios.

En 2009 foi elixido membro da Real Academia Galega.

En 2010 publica Todo é silencio e en 2011, O máis estraño, compilación dos relatos do escritor, obra onde o desexo loita coa morte e a imaxinación levanta o voo.

En 2012 publica As voces baixas, obra de carácter autobiográfico. Neste ano é investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña en recoñecemento á súa defensa e proxección da cultura galega.

En 2013 ve a luz a súa obra Vicente Ferrer. Rumbo ás estrelas con dificultades. É nomeado aos Premios Goya 2013, na categoría de Mellor Guión Adaptado, con Todo é silencio, dirixida por José Luís Cuerda. Neste ano tamén nace a publicación mensual Luzes, dirixida polo propio autor e por Xosé Manuel Pereiro.

Entre os últimos premios recibidos polo autor, destacan o Premio da Crítica de Galicia 2007, o Premio da Crítica Española 2006, o Premio Cálamo 2006, o VII Premio Libro do Ano 2006 (concedido polo gremio de libreiros de Madrid) ou o XVI Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia. En 2009 recibe o Premio Artemio Precioso, que concede por primeira vez a organización ecoloxista Greenpeace, pola súa traxectoria persoal e profesional a favor do medio ambiente. E en 2010 faise co Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega. En 2011 outórganlle o Premio da Fundación Luís Tilve, polo seu labor a favor de causas de interese social. En agosto de 2014, concédenlle o Premio Son Atlántico polo seu apoio á cultura sostible. E en setembro, a Fundación Curros Enríquez premia ao escritor e concédelle por unanimidade o premio Celanova, Casa dos Poetas polo seu longo e frutífero labor creativo.

En outubro de 2014 presentou, no Instituto Cervantes de París, a tradución ao francés da súa obra Todo é silencio, editada por Gallimard.

Fonte: www.cervantes.es

Galería de fotos