A escritora Andrea Maceiras, Premio Rosa dos Ventos 2021
Concedido anualmente polo alumnado do 5.º curso de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires.
A escritora Andrea Maceiras é a galardoada neste 2021 co premio Rosa dos Ventos que cada ano concede o Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires. Os alumnos e alumnas de 5.º curso de Bacharelato recoñecen con esta distinción “o traballo que a escritora desenvolve a prol de Galicia, o seu incesante labor divulgativo entre as novas xeracións e a defensa comprometida da lingua galega”. Ademais, destacan o seu talante modesto, respectuoso e afectivo, “algo que nos agradou moito cando a coñecemos na visita que realizou ao noso colexio no ano 2017, cando nós cursabamos o primeiro curso de secundaria”. “Malia ser unha das figuras máis importantes da nova literatura infantil e xuvenil galega, a humildade e a xenerosidade acompáñana en todo momento, o cal nos congratula pois a súa proximidade fíxonos vela coma unha amiga, coma un espello no que mirarnos”. Do mesmo xeito, os mozos e mozas salientan a pegada que neles deixaron as lecturas dos seus libros: “Cando lemos ´Conta nove estrelas´ afondamos na importancia da diversidade e a tolerancia e tamén a lectura de ´Europa Express´ nos permitiu viaxar por Europa acompañando as andainas duns mozos coma nós e compartindo cos protagonistas algunhas problemáticas comúns”.
Por outro lado, “o feito de que a escritora sexa firme defensora dos dereitos da muller e denuncie múltiples problemáticas que vive a sociedade de hoxe en día constituíu outro fundamento para que Andrea sexa a nosa Rosa dos Ventos e a agasallemos con este modesto recoñecemento” engadiu o alumnado.
Este premio, que recolleron en edicións anteriores importantes personalidades e institucións recae na escritora coruñesa “que nos propuxo cando estivo connosco ´voar a algún territorio de fantasías compartidas´ algo que debería ser común nas persoas, pois imaxinar é a mellor maneira de construír novas realidades”, finalizaron os alumnos.
O Rosa dos Ventos
O Rosa dos ventos é un premio que desde hai 10 anos os alumnos do último curso de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires. Con el preténdese homenaxear a un home, muller ou entidade que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do centro educativo. Asemade, simboliza a irmandade cos premiados para que continúen acompañando o labor pedagóxico da escola e difundan as actividades que desenvolve. Nestes anos, foron premiados o actual presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes (2012); o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar (2013); o escritor e académico, Manuel Rivas (2014); o músico Carlos Núñez (2015); o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo (2016); o físico Jorge Mira (2017); a escritora e académica Fina Casalderrey (2018); a Editorial Galaxia (2019) e a atleta Ana Peleteiro (2020).
——————————————————-
Andrea Maceiras
Nacín na Coruña en 1987.
O amor polas historias chegou un pouco despois. E a destinataria dos meus primeiros contos foi a miña irmá pequena. Quizais por iso me sinto tan cómoda na literatura infantil e xuvenil.
De adolescente, descubrín unha pintada na parede do instituto. Dicía “a arte comeza no punto en que vivir non abonda para expresar a propia vida”. A cita é anónima e nunca souben quen a escribiu alí, pero a día de hoxe segue a ser a mellor definición de literatura que coñezo. Tanto, que ás veces penso que nunca existiu. Pero entón lembro a súa situación exacta, a cor negra das letras debuxadas a spray e dígome a min mesma que non puido ser un soño.
Creo que iso tamén é literatura.
Son doutora en Filoloxía Hispánica e licenciada en Filoloxía Galega.
2014 publiquei Miña querida Sherezade, obra gañadora do Premio Meiga Moira e nese mesmo ano viu a luz Volverás, golfiño, finalista do Premio Merlín.
Publiquei a miña primeira novela, Proxecto bolboreta no 2007, grazas ao Premio de Micronovela do concello de Soutomaior. Dous anos despois gañei o Premio Meiga Moira de literatura infantil e xuvenil por Violeta tamurana.
En 2012 publiquei O segredo do lagarto arnal e un ano despois, en 2013, Nubes de evolución, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia e mellor libro xuvenil do ano nos premios Fervernzas Literarias.
Con Europa Express obtiven o Premio Jules Verne, co que tanto soñara, no ano 2015 e pouco despois a obra foi traducida ao inglés. Tamén foi recoñecida como mellor novela xuvenil nos Premios Fervenzas Literarias.
En 2018 quedei finalista do Premio Raíña Lupa con O que sei do silencio, que foi publicada en galego e traducida posteriormente ao español. Conta nove estrelas, a miña novela número nove, gañou o Premio Lazarillo 2018 e está editada en galego e en español.
En 2020 concedéronme o premio dos Clubs de Lectura da Consellería de Educación de Galicia como a autora máis lida. E no mesmo ano gañei o Premio Merlín de literatura infantil coa obra A folla azul, que será publicada en español proximamente.
No ano 2021 concedéronme o premio Frei Martín Sarmiento, outorgado pola Asociación de Escolas Católicas de Galicia, como a mellor novela de 2020 por Conta nove estrelas, na categoría de 5º e 6º de primaria. Meses despois , gañei o premio Raíña Lupa da Deputación de A Coruña coa obra Que se me pare o corazón se te esquezo, que será publicada proximamente.
Ás veces creo que escribo por todas as cousas que foron, serán ou puideron ter sido. Outras que leo porque existo. Quizais a literatura sexa simplemente iso: unha forma diferente de existencia ou de viaxe. Pasaxeira, mantéñome no tránsito entre todo o que é visible e aquilo que só nos é posible albiscar.
Fonte: https://andreamaceiras.com/gl/