A atleta galega Ana Peleteiro, Premio Rosa dos Ventos 2020

Ana Peleteiro

A atleta Ana Peleteiro é a galardoada neste 2020 co premio Rosa dos Ventos que cada ano concede o Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires.
Os mozos e mozas do instituto galego da capital arxentina nada máis pechar a votación afirmaron: “Somos conscientes de que Ana recibiu moitísimos recoñecementos internacionais e o noso premio é algo moi pequeno se o comparamos con outros galardóns que logrou, mais está outorgado co cariño e o respecto por unha persoa que merece a nosa máis sentida consideración”. E engadiron: “Nunca veu ao colexio e este pode ser un motivo para que coñeza Arxentina e tamén nos coñeza a nós”.
Por outro lado, na súa decisión, o alumnado subliñou “o compromiso que mostra a atleta na defensa da identidade de Galicia polo mundo adiante levando con orgullo a súa personalidade” e incidiu no seu “permanente compromiso co espallamento da realidade galega e a posta en valor que fai acotío da lingua propia de Galicia”. Asemade, os mozos e mozas resaltaron: “O ecoloxismo activo que defende e a defensa da muller e dos seus dereitos foron aspectos que nos congratularon e que fortaleceron aínda máis a nosa decisión”.
O talante “sinxelo, agradable, simpático… xunto aos valores persoais inzados de modestia e proximidade foron outros elementos que a mocidade galego-porteña tivo presentes á hora de entregar o galardón.
Malia non a coñeceren persoalmente, os mozos e mozas deixaron constancia das súas sensacións: “Percibímola como unha persoa transparente, franca. E iso para nós é moi importante”. Ademais, “ela representa a Galicia puxante e sen complexos coa que nos sentimos identificados”, engadiron.

Este premio, que recolleron en edicións anteriores Víctor F. Freixanes, Luís G. Tosar, Manuel Rivas, Carlos Núñez, Henrique Monteagudo, Jorge Mira, Fina Casalderrey e a Editorial Galaxia recae por vez primeira nunha deportista, feito que foi positivamente valorado na decisión. “Cremos que Galicia ten moitos destacados representantes do deporte e consideramos que nomear a Ana como embaixadora do noso colexio tamén é reivindicar a vida sa e o coidado do corpo”.
Ana Peleteiro, nada máis recibir a carta que lle enviaron dende Arxentina, envioulles aos rapaces e rapazas un vídeo no que deixa constancia da súa ledicia polo galardón concedido, anima aos estudantes a continuaren defendendo a identidade galega e promete viaxar a Bos Aires para saudalos persoalmente, coñecer o colexio e reencontrarse con familiares que residen na quinta provincia e hai moito non ve.

Ana Peleteiro:

Ana Peleteiro Brión, nada en Ribeira o 2 de decembro de 1995, é unha atleta galega, especialista en triplo salto.

Foi elixida mellor atleta española júnior dos anos 2011, 2012 e 2013 pola Real Federación Española de Atletismo. No campionato do mundo de atletismo júnior de 2012, celebrado no Estadio Olímpico de Barcelona, conseguiu o récord nacional na súa modalidade. No ano 2012 recibiu o Premio Nacional do Deporte e, no 2013,
o Premio Princesa de Asturias. Proclamouse en nove ocasións campioa absoluta de España de triplo salto, catro delas ao aire libre e cinco en pista cuberta, a primeira delas en febreiro de 2014, aínda en idade júnior.
No Mundial de atletismo en pista cuberta de 2018, disputado en Birmingham, acadou o bronce en triplo salto cunha distancia de 14,40 m. E no campionato de Europa absoluto de atletismo de 2018 celebrado en Berlín conseguiu a medalla de bronce, a primeira medalla conseguida por un atleta galego nun campionato de Europa.
En 2019 proclamouse campioa de Europa de pista cuberta de triplo salto cunha marca de 14,73 metros (novo récord de España) no Campionato de Europa de Atletismo en Pista Cuberta disputado en Glasgow. Fonte: Wikipedia.org

Premio Rosa dos Ventos :
O Rosa dos ventos é un premio que desde hai 9 anos outorga o alumnado do último curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires. Con el, preténdese homenaxear a un home, muller ou entidade que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do centro educativo. Asemade, simboliza a irmandade cos premiados para que continúen acompañando o labor pedagóxico da escola e difundan as actividades que desenvolve. Nestes anos, foron premiados o actual presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes (2012), o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar (2013), o escritor e académico, Manuel Rivas (2014), o músico Carlos Núñez (2015), o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo (2016), o físico Jorge Mira (2017), a escritora Fina Casalderrey (2018) e a Editorial Galaxia (2019).