Carlos Núñez recolle o premio Rosa dos Ventos

Bos Aires, 6 de novembro de 2018

O músico Carlos Núñez, autor de discos como A irmandade das estrelas, Os amores libres, Mayo longo, Cinema do mar ou Inter-Celtic; colaborador permanente da banda irlandesa The Cieftains e merecedor de dúas candidaturas en solitario aos Grammy latinos recibiu de mans dunha representación do alumnado do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires a figura que acredita o premio “Rosa dos Ventos” que lle fora concedido no ano 2015.

No emotivo acto, desenvolvido na sede da Orquestra de Instrumentos Autóctonos e Novas Tecnoloxías da Universidad Nacional Tres de Febrero (UNTREF), o artista vigués deixou constancia da súa ledicia ao poder ter nas mans o galardón e comprometeuse a honralo apoiando as tarefas que o centro educativo desenvolva no presente e proxecte no futuro. Asemade, animou os mozos e mozas a seguiren os seus estudos con ilusión, sempre perseguindo os seus soños, tal e como o fixo el dende novo.

Logo dun distendido diálogo, ao que se sumou o embaixador de España na Arxentina, Francisco Javier Sandomingo, Carlos Núñez interpretou en honor do alumnado unha cantiga de Martín Códax acompañado pola Orquestra da UNTREF e entregou un exemplar asinado do seu libro “La hermandad de los celtas” para a biblioteca do centro educativo.

O premio Rosa dos Ventos, que dende o 2012 entregan anualmente os rapaces e rapazas de 5.º curso de Bacharelato do instituto arxentino galego e que tamén recibiron personalidades como Víctor F. Freixanes, Luís G. Tosar, Manuel Rivas, Henrique Monteagudo ou Jorge Mira, recoñece o labor dunha persoa ou institución que sen formar parte do colexio acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do Instituto Santiago Apóstol, mostre compromiso co seu traballo pedagóxico e contribúa na divulgación das actividades que se realizan apoiando as súas múltiples iniciativas.

“A figura de Carlos Núñez simboliza o compromiso na defensa da identidade de Galicia ao longo do mundo e demostra que o noso patrimonio cultural está vivo, florece e transcende globalmente. El é un guieiro que acrecenta en nós o respecto pola cultura galega ao demostrar en cada unha das súas intervencións a súa perenne louzanía”, explicaron os mozos e mozas no momento da concesión do premio hai 3 anos.

Ademais, engadiron: “A defensa dos valores elementais do ser humano, o seu espírito crítico e reflexivo, a súa postura de defensa activa da lingua galega, a predisposición para atendernos e crer en nós son principios que valoramos moito”. “Carlos entende que Galicia tamén se constrúe dende acó, que Galicia non é unicamente un recuncho da Península Ibérica, senón que está onde haxa un sentir que desexe ser partícipe do seu marabilloso encanto”, explicou daquela o alumnado.

Entre as razóns que no momento da premiación se expuxeron á hora de defender a candidatura do músico vigués tamén estiveron presentes os seus vínculos coa emigración, pois cómpre lembrar que foi Carlos Núñez quen deu a coñecer ao gran público o gaiteiro galego arxentino Manuel Dopazo de quen se considera un fervente admirador (“o mellor gaiteiro da postguerra non estaba en Galicia, senón en Arxentina”), que gravou en Cuba con The Chieftains, Ry Cooder e os músicos do que pouco despois se convertiría en Buena Vista Social Club e que, nestes anos, veu tocar á Arxentina en numerosas ocasións, tanto en Bos Aires como no interior, sempre con salas cheas e sempre para un público entregado. Na Arxentina, acompañou no escenario a grandes músicos como León Gieco ou Chango Spasiuk e recibiu o apoio de artistas da talla de Mercedes Sosa, Quino, Les Luthiers ou o actor galego arxentino, Eduardo Blanco.

Por todo e máis, moitas grazas, Carlos. Agradecemento especial a Alejandro Iglesias Rossi, director da Orquestra de Instrumentos Autóctonos y Nuevas Tecnologías da UNTREF e a todos os compoñentes da formación musical, polo seu acompañamento e amabilidade.

Galería de fotos