Xabier Díaz no Santiago Apóstolo

Tal e como ocorre cada vez que visita Bos Aires, o recoñecido artista Xabier Díaz achegouse o pasado martes ao noso instituto para compartir uns momentos co alumnado que o agardaba con moita expectación.
Acompañado de Iván Costa e Roberto Grandal saudou aos nenos máis pequenos da escola, bailou, cantou algún tema e agradeceu o recibimento dispensado nada máis chegar á institución.
Posteriormente, no Salón Valle Inclán do Centro Galicia, nun espazo ateigado de nenos, nenas e adolescentes, recibiu o premio Rosa dos Ventos que lle fora concedido pola promoción 2023 do instituto. Nicolás Basovnik, Camila Consolani Neschenko, Candela Doural, Lourdes Gómez Bermúdez, Alejo Jovine, Luca Martul e Lucila Vilariño, alumnado egresado hai 2 anos, no nome dos seus compañeiros e compañeiras, fixéronlle entrega a Xabier do diploma e galardón representativo.
O insigne músico tomou a palabra para agradecer o recoñecemento e transmitir a súa ledicia por volver estar no noso colexio: “Cada vez que veño a Bos Aires, que veño a esta escola, teño a sensación de estar na miña casa”. E engadiu: “Aquí non hai unha Galicia imaxinaria; hai unha Galicia incluso máis real que algunhas outras que habitan a propia xeografía galega”. Asemade, non desaproveitou a ocasión para referenciar a esas mulleres das que tanto aprendeu e gabar os seus bailes, a súa maneira de tocar e cantar e a súa creatividade.
O evento pechouse cun pequeno concerto que contou coa complicidade dos mozos e mozas e o acompañamento vogal nun tema a cargo da profesora Araceli Fernández, docente do nivel Inicial.
Múltiples fotografías e sinatura de autógrafos completaron unha experiencia única que animamos a vivir o vindeiro sábado, día 15, no Teatro ND Ateneo, lugar no que ofrecerá un concerto ás 21.00 h.