XABIER DÍAZ, Premio Rosa dos Ventos 2023
O músico e compositor Xabier Díaz é a persoa galardoada neste 2023 co premio Rosa dos Ventos que cada ano concede o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo de Bos Aires. Os alumnos e alumnas de 5.º curso de bacharelato recoñecen con esta distinción “o traballo que Xabier desenvolve para pór en valor o patrimonio cultural de Galicia a través da súa música e do baile tradicional” e destacan que “neste presente sen fronteiras no que vivimos cómpre defender cada unha das realidades culturais do planeta e, dentro delas, a galega ocupa espazos de honra grazas a persoas como Xabier, que non só a espalla polo mundo adiante, senón que a dignifica grazas ao seu bo quefacer”.
Por outro lado, consideran de suma importancia “aprender dos devanceiros, escoitar as súas ensinanzas e facelas propias para transitar o presente e construír futuro, sempre sen esquecer nin deturpar a realidade de cada cultura”. Por isto, a faceta investigadora do artista foi destacada polo alumnado: “Xabier é un exemplo que debemos seguir, pois compón música contemporánea afincada na raizame popular e, nisto, os seus traballos de campo son alicerce fundamental”.
Na carta que lle escribiron, os mozos e mozas non esqueceron a xenerosidade e acompañamento que co proxecto educativo do colexio bonaerense o artista mostrou sempre: “No Santiago Apóstolo apostamos por unha Galicia activa, allea a conformismos e contemplacións. Dende este centro escolar situado na quinta provincia que está lonxe fisicamente, pero tamén moi apegada espiritualmente ás outras catro demarcacións, formámonos como persoas e abofé que levamos e levaremos sempre connosco esa terra que acubillou a nosa educación. Por isto, o feito de que cando vés a esta cidade –malia a túa ocupada axenda– sempre buscas tempo para vir vernos é algo que non nos pasa desapercibido e valoramos enormemente”.
Este premio, que recolleron en edicións anteriores importantes personalidades e institucións recae en Xabier Díaz “porque, máis aló de encantarnos a súa música, dende o primeiro momento en que o coñecemos mostrouse coma unha persoa simple, afectuosa e humilde. Un mestre polo que sentes aprecio inmediatamente”.
Pola súa parte, o músico coruñés nada máis coñecer a nova expresou a súa satisfacción polo recoñecemento: “Non atopo outro premio no mundo que recibir con máis alegría. É unha satisfacción que celebro inmensamente”. Asemade, comprometeu a súa visita ao centro educativo no vindeiro ano, momento que aproveitará para volver a encontrarse cos alumnos e alumnas que o galardoaron.
Premio Rosa dos Ventos
O Rosa dos ventos é un premio que desde hai 12 anos outorga o alumnado do último curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires. Con el preténdese homenaxear a un home, muller ou entidade que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do centro educativo. Asemade, simboliza a irmandade cos premiados para que continúen acompañando o labor pedagóxico da escola e difundan as actividades que desenvolve. Nestes anos, foron premiados o actual presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes (2012); o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar (2013); o escritor e académico, Manuel Rivas (2014); o músico Carlos Núñez (2015); o profesor e académico, Henrique Monteagudo (2016); o físico Jorge Mira (2017); a escritora e académica Fina Casalderrey (2018); a Editorial Galaxia (2019), a atleta Ana Peleteiro (2020), a escritora Andrea Maceiras (2021) e o grupo musical Tanxugueiras (2022).
Instituto Santiago Apóstolo
O Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires vén desenvolvendo dende hai 25 anos un traballo continuo no asentamento, potenciación e espallamento dos valores patrimoniais galegos dentro dun currículo parello ao dos centros asentados na Galicia territorial.
Este centro educativo, xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires), leva adiante un proxecto educativo bicultural nos niveis inicial, primario e secundario e traballa co obxectivo primordial de brindar unha educación de calidade contrastada, elemento fundamental na promoción dunha escola que leva implícito o nome de Galicia fóra das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma.
Así, a custodia, difusión e fortalecemento do patrimonio material e inmaterial galego en todos os campos e a oferta dunha educación aberta aos cambios que esixen os novos tempos son alicerces innegociables do centro educativo, piares básicos que sustentan todos os seus traballos cotiáns.
Fonte: Instituto Santiago Apóstol (www.santiagoapostol.edu.ar)
Xabier Díaz
Dos primeiros sopros de Xabier nunha gaita de fol nos albores dos 80 ata Coplas Para Icía (2007) pasaron case 30 anos. A súa curiosidade facilitou a chegada de experiencias que se sucederon tendo sempre a música pop(ular) no horizonte: Xacarandaina, Rumbadeira, os primeiros traballos de campo, unha incesante actividade docente, asociacións, concursos, certames, etc.
Logo chegou a Nova Galega de Danza coa que participou nos espectáculos Alento, Engado e Tradicción entre os anos 2005 e 2009.
Berrogüetto chamou á porta de Xabier a inicios de 2008 e a viaxe durou até 2014, ano no que se anunciaba a disolución da banda. Durante este tempo editaron os discos Kosmogonías (2010) e O pulso da terra (2011). Alén diso, obtiveron o Premio de la Academia de la Música á mellor canción en galego (2011) e o de mellor grupo de música folk na primeira edición dos Premios Galegos da Música Martín Códax (2013), así como o galardón á mellor banda sonora nos Premios Mestre Mateo (2014) coa película Inevitable.
Grandes parceiros e amigos seus foron Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero, cos que participou no proxecto aCadaCanto e cos que editou aCadaCanto (2012) e A Rosa D`Adina (2014).
Ao longo dos anos, realizou un feixe de colaboracións en discos e concertos de diferentes artistas: Carmen París, Xosé Manuel Budiño, Kepa Junquera, Guadi Galego e Os Cempés, entre outros/as. Así mesmo, emprendeu numerosas viaxes para levar a música a México, Cimbabue, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina, Noruega, Bélxica, Cuba, Escocia, Irlanda, etc.
No ano 2015 editou The tambourine man xunto ás Adufeiras de Salitre, galardoado como o mellor disco galego nos Premios de la Música Independiente (2016) e o mellor álbum na categoría de música tradicional dos Premios Martín Códax da Música Galega (2016). Con el tamén obtivo o premio á mellor canción en galego da primeira edición dos premios aRitmar.
Alén diso, The tambourine man, permitiulle manterse no top ten da World Music Charts Europe nos meses de febreiro e marzo de 2016.
Chegou despois “Noró, Algunhas músicas do Norte” (Músicas de Salitre 2018) e unha extensa xira coa que, nos últimos anos, o grupo percorreu Noruega, Suecia, Francia, Bélxica, Escocia, Uruguai, Inglaterra ou Arxentina.
“As Catedrais silenciadas” (Músicas de Salitre 2020) é o terceiro e máis recente traballo coas Adufeiras de Salitre, un álbum que reflexiona sobre o despoboamento, o abandono do rural e o risco de perdermos a identidade e a cultura propia nunha sociedade como a galega.
Fonte: https://xabierdiaz.com
Para máis información:
direccionxeral@santiagoapostol.edu.ar