Visita do secretario xeral de Inmigración e Emigración de España
Durante a mañá de hoxe, o señor Agustín Torres Herrero, secretario xeral de Inmigración e Emigración de España, visitou o noso instituto para coñecer en primeira persoa o traballo que o noso centro educativo desenvolve e os proxectos pedagóxicos que forman parte da axenda futura de traballo.
O alto funcionario do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social de España percorreu as instalacións do centro educativo, departiu con alumnos e alumnas de 4.º curso do nivel primario e mantivo un encontro co alumnado de 4.º e 5.º curso de secundaria. Nesta xuntanza, expuxo a importancia de potenciar o vínculo histórico que existe entre España e Arxentina, animou aos mozos e mozas a realizar estudos en España e respondeu preguntas que a rapazada lle formulou.
Posteriormente, reuniuse cos membros da Delegación arxentina da Fundación Galicia América, que preside Manuel Peleteiro Pérez. Neste encontro, máis aló de avaliar a realidade institucional e asinar no libro de visitas, o señor secretario xeral trasladou o apoio do Goberno de España cara ao proxecto educativo que o Santiago Apóstolo desenvolve.