Visita do presidente e do xerente da Asociación Balnearios de Galicia
O mércores, día 7 de outubro, o alumnado do nivel Secundario puido coñecer de primeira man a realidade da industria termal galega e a potencialidade que esta posúe neste novo século.
Aproveitando a súa visita a Arxentina para participar nun congreso internacional nas Termas de Río Hondo, Antonio Garaloces, presidente da Asociación Balnearios de Galicia, e Benigno Amor Barreiro, xerente da devandita asociación, desenvolveron unha amena e didáctica presentación diante do mozos e mozas que os escoitaron con moito interese.
Os visitantes explicáronlles aos asistentes as propiedades das augas mineromedicinais e o incremento do número de tratamentos que con elas se desenvolven. Puntualizaron tamén as diferenzas entre os balnearios (aqueles que usan auga mineromedicinal), os centros de talasoterapia (os que empregan auga do mar) e os spa (os que utilizan auga da billa).
Os establecementos balnearios de Galicia son punteiros en Europa e a nosa comunidade autónoma é un destino de turismo saudable de referencia no mundo; o produto turístico galego con maior potencialidade internacional, despois do Camiño de Santiago.
Grazas á xenerosidade dos visitantes, os mozos e mozas coñeceron unha póla vizosa do frondoso conxunto empresarial que a Galicia deste século exporta alén das súas fronteiras físicas.