Visita do presidente da Xunta de Galicia
O pasado xoves, 19 de setembro, o presidente da Xunta de Galicia realizou unha visita ao noso instituto para saudar o alumnado e coñecer os traballos que o centro educativo está a desenvolver.
Alberto Núñez Feijoo, quen acudiu acompañado de Rosa Quintana Carballo, conselleira do Mar do Goberno Galego, ademais do secretario xeral de Emigración e do delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, realizou un percorrido polas instalacións do colexio e detívose nalgunhas aulas.
No nivel inicial, visitou unha das salas de 2 anos e atopouse na Biblioteca Rosalía cos nenos e nenas das salas 3 anos que falaron co máximo mandatario e tiveron ocasión de bailar para el unha muiñeira e cantarlle unha canción en lingua galega.
Posteriormente, visitou a aula de 3.eiro A, lugar no que dialogou cos rapaces e rapazas e atendeu as explicacións que lle deron sobre as aprendizaxes que reciben e os proxectos que desenvolven acotío. Asemade, o alumnado agasalloulle ao presidente unha “criatura silenciosa” que recibiu con alegría e agradecemento.
Máis tarde, a comitiva desprazouse ao 3.eiro andar do edificio, onde o agardaba o alumnado de 6.º e 7.º cursos do nivel primario e todo o nivel secundario, agás os mozos e mozas de 5.º curso que se atopan realizando a súa viaxe de estudos en Galicia. Milagros Miño, alumna de 4.º ano, no nome dos seus compañeiros e compañeiras, deulle a benvida e agradeceulle a súa xentileza ao facer un oco na súa axenda para visitar o Santiago Apóstolo, ademais de resaltar a importancia da visita:
“Hoxe é un día especial para o noso instituto, pois a máxima autoridade de Galicia está connosco e este feito simboliza unha unión perenne coa outra beira do Océano Atlántico, coa terra dos pais, avós e bisavós de moitos de nós e coa terra que fortalece a nosa educación e nos vincula, teñamos ou non sangue galega.”, dixo a alumna.
E engadiu: “cando rematemos os nosos estudos e nos insiramos no mercado laboral, levaremos sempre connosco o aprendido acó e protexeremos e espallaremos a verdadeira realidade de Galicia, a Galicia pola que vostede traballa, unha Galicia creativa, empresaria, moderna, puxante que porta a súa marca con orgullo en todos os currunchos da terra. Cremos nunha Galicia que sabe ben de onde procede e, con isto, sabe trazar correctamente o seu rumbo, con humildade e xenerosidade; como o fixo ao longo da historia”. Milagros finalizou a súa intervención desexando que o alumnado sexa quen de cumprir as expectativas que nel están depositadas: “Oxalá non o defraudemos e vostede tamén se sinta orgulloso de nós, nenos, nenas, mozos e mozas que queren colaborar na construción do futuro de Galicia con coñecemento e solidariedade, con realidades e feitos, evitando adobíos innecesarios”.
En sinal de agradecemento, a presentadora entregoulle ao presidente un libro de fotografías da Arxentina que leva impreso o escudo do instituto e a lenda “Con agarimo, desta mocidade que acotío honra a Galicia con estudo, coñecemento e futuro.”
Posteriormente, o presidente da Delegación arxentina da Fundación Galicia América, Manuel Peleteiro Pérez, interveu para agradecer tamén a visita do presidente da Xunta de Galicia e recordou os traballos desenvolvidos e os atrancos que houbo que superar para lograr consolidar a vizosa realidade que hoxe é o Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires.
Pola súa parte, don Alberto Núñez Feijoo dirixiuse aos mozos e mozas agradecendo o recibimento e o cariño mostrado polo alumnado.
“Este fantástico colexio que é o Santiago Apóstolo é un tributo que quere render Galicia a este país de acollida co desexo de que sempre haxa unha chama de Galicia acesa. O colexio é un soño do que nos sentimos moi orgullosos; un soño que empezou no ano 1998 con 50 alumnos e hoxe é unha realidade con case 600”.
O presidente fixo moito fincapé na importancia do estudo e o coñecemento para conseguir a felicidade. “Podedes ser o vós queirades ser, só existe o obstáculo dun mesmo” dixo, e recordoulles aos alumnos e alumnas que o escoitaban con moita atención a importancia do galego: “O galego, idioma propio de Galicia, abre portas. Inserido no mundo da lusofonía fai que unha persoa que o domine xunto ao castelán poderá comunicarse con máis de 800 millóns de cidadáns do mundo”.
Por outro lado, o presidente aseverou “Galicia ten 4 obxectivos: ser a gran reserva verde de España, coidando o medio ambiente para seguir a ser a terra dos mil ríos e a terra dos mil bosques; coidar dos maiores que tanto nos deron; ser a Galicia innovadora que precisa este século e ser a Galicia que coida da xente moza, que é o futuro de Galicia”.
Atendendo a isto, referiuse ás bolsas de estudo que o Goberno Galego convoca anualmente para cursar estudos universitarios ou estudos de Formación Profesional en Galicia e animou o alumnado a que as teña presentes para o seu futuro.
Finalizou o encontro coa xuventude cunha foto grupal xunto aos mozos e mozas antes de manter un encontro coa Delegación arxentina da Fundación Galicia América no que coñeceu de primeira man a realidade institucional.