Visita do secretario xeral de cultura da Xunta de Galicia e da escritora María Canosa Blanco

Screenshot_20220429-111301~2

Hoxe pola mañá, continuando co programa de visitas que estamos a desenvolver grazas á colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia co gallo da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, recibimos no noso instituto á escritora María Canosa Blanco, quen veu acompañada polo secretario xeral de Cultura do Goberno Galego, Anxo Lorenzo Suárez.

Logo dunha reunión coa Delegación arxentina da Fundación Galicia América na que tamén estivo presente o presidente do Centro Galicia, Jesús Mosquera Penas, espazo este no que o secretario xeral entregou unha selección de libros para o instituto, felicitou o labor do Instituto Santiago Apóstolo e animou a continuar a dinámica liña pedagóxica que o centro educativo desenvolve, María Canosa mantivo un fermoso encontro co alumnado de 4.º de bacharelato da nosa institución.

A recente gañadora do Premio Anisia Miranda de teatro para a infancia, realizou un percorrido pola súa extensa obra, achegoulles aos mozos e mozas as motivacións que a levan a escribir e animounos a que non deixen de crer e crear. Asemade, respondeu as diferentes preguntas que o alumnado lle formulou, alegrouse do correcto galego que empregou o público asistente e fixo unha doazón de exemplares dalgúns dos seus libros para as bibliotecas do colexio.

Galería de fotos