Visita de Loli Beloso Neira

Con motivo da súa visita a Bos Aires, a escritora Loli Beloso tivo a xentileza de achegarse ao noso instituto e compartir uns momentos co alumnado maior da nosa institución.

Durante a conferencia que impartiu aos mozos e mozas de 4.º e 5.º curso de Bacharelato, presentou o seu novo libro “Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos” e esbozou perante o alumnado a dimensión universal do autor de “Memorias dun neno labrego”, personalidade fondamente vinculada coa Arxentina.

Asemade, a autora deu a coñecer a súa primeira creación de xoias solidarias chamada “Veleiros de bos sentimentos de Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias”. A devandita produción, que contén pezas de cerámica da Magdalena decoradas á man e montadas en prata e puntilla de Camariñas, está confeccionada polos artesáns Begoña, David e Óscar con anaquiños de pratos que romperon logo dunha viaxe de Bos Aires a Galicia.

Cómpre salientar que os beneficios obtidos pola venda dos exemplares do libro destínanse á Fundación de Medicina Xenómica que dirixe en Santiago de Compostela o doutor Ángel Carracedo, un dos investigadores máis importantes do mundo.

Galería de fotos