Visita de Javier Ares Yebra
O día 17 de xullo o alumnado de 2.º ciclo do nivel Primario xunto cos seus compañeiros de 1.º de Bacharelato tiveron a ocasión de achegarse á música clásica grazas á xenerosidade do prestixioso guitarrista e investigador Javier Ares Yebra.
Na aula magna Víctor M. Vázquez Portomeñe, ateigada de mozos e mozas expectantes, o músico betanceiro fixo gozar o auditorio coa interpretación de pezas pertencentes a recoñecidos compositores. Manuel de Falla, Manuel Quiroga ou Juan Durán foron algunhas das figuras que encheron de harmonía o salón e serviron para encarreirar un animado coloquio no que o auditorio dialogou co intérprete sobre diferentes cuestións vinculadas coa arte musical que non deixaron indiferente ao convidado.
Ao rematar, no nome de todo o alumnado, a alumna Sofía Negreira entregoulle uns modestos presentes en sinal de agradecemento.