Visita da eurodeputada Ana Miranda Paz
Ana Miranda Paz, eurodeputada e xurista experta en Dereito Comunitario, visitou o noso centro educativo para manter un encontro co alumnado do nivel Secundario e compartir cos mozos e mozas as súas experiencias no Parlamento Europeo.
A prestixiosa avogada galega explicoulles aos asistentes o traballo que se desenvolve na Cámara Comunitaria, relatou experiencias persoais e mostroulles a transcendencia que ten o feito de dominar varias linguas como ferramenta de comunicación e como elemento de desenvolvemento integral do ser humano.
Falou Ana Miranda tamén da importancia que posúe o idioma galego no mundo global, unha lingua que permite o acceso ao ámbito lusófono e transcende as fronteiras de Galicia para espallar a súa realidade cultural, e animou os rapaces e rapazas a que sigan falando galego, que o espallen e conciban sempre a súa individualidade dende o respecto polas múltiples pluralidades que compoñen o mundo.