Visita da escritora María Rosa Lojo

A prestixiosa escritora e investigadora arxentino – galega María Rosa Lojo visitou o noso instituto para manter unha reunión co profesor de Lingua e Literatura Castelá do nivel Secundario, Mauro Alfonso. Nese encontro perfilaron o traballo que o alumnado de 4.º curso do nivel Medio vai realizar co libro “La pasión de los Nómades”, obra da autora que percorre a historia nacional arxentina con humor e ironía dende a mirada de Lucio V. Mansilla, quen relata as súas apreciacións a Rosaura e Merlín, personaxes lendarios.

Máis aló do encontro coa escritora, os mozos e mozas traballarán a obra a partir de ficcións documentais que contemplen o guión argumental, fixen a estrutura literaria e aborden a temática dende diferentes puntos de vista. Asemade, este proceso permitirá –en colaboración coa materia de Lingua e Literatura Galega– o achegamento a Merlín, un dos personaxes máis senlleiros de Álvaro Cunqueiro.

Como recordo da súa visita, María Rosa tivo a xentileza de entregar en doazón para a biblioteca do instituto varios dos seus libros, feito que a institución agradece fondamente.

Galería de fotos