Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega

Con fonda satisfacción recibimos a noticia que dá conta do nomeamento do profesor Víctor Fernández Freixanes como novo presidente da Real Academia Galega.
O profesor Freixanes mantén un perenne vínculo coa nosa institución, apoiando en todo momento o noso traballo e dando conta del en todas cantas tribunas participa. Esta, entre outras razóns, levaron ao alumnado de 5.º curso de Bacharelato da promoción 2012 a galardoalo co 1.eiro Premio Rosa dos Ventos, recoñecemento que anualmente entregan os mozos e mozas maiores do noso instituto.
Naquel entón, o alumnado deixaba constancia das razóns de tal designación:
[…] a figura de Víctor Fernández Freixanes representa para o alumnado e para a institución un guieiro que acubilla o respecto polo labor desenvolvido nesta beira do Atlántico en prol da cultura galega […]
[…] Ao longo destes anos, o profesor Freixanes non deixou de acudir á nosa institución en todas cantas viaxes realizou á capital arxentina, apoiou os traballos do centro educativo, acompañou o crecemento institucional e, en moitos casos, introduciu na nosa realidade a importantes figuras académicas e políticas da nosa cultura […]
[…] Por riba, non deixou de espallar con criterio obxectivo, alleo a galanos de compromiso, os traballos do instituto en todas cantas oportunidades tivo tanto na Galicia administrativa como na da diáspora […]
Os nosos mellores desexos para esta travesía que inicia, a cal –con certeza– virá repleta de logros para Galicia e a súa realidade patrimonial.