Proxecto de educación tecnolóxica: “Escola e familia. Coidamos o planeta”.

Dentro da área de Educación Tecnolóxica levamos adiante co alumnado un proxecto de reutilización de materiais reciclables para a construción de bancos.
Deste xeito, reflexionamos na aula sobre a constante e masiva xeración de residuos, comprobamos que todo o que se merca ten unha relación directa co que tiramos, chegamos á conclusión de que consumindo racionalmente evitamos o malgaste e comprobamos que usando só o indispensable colaboramos co coidado do ambiente.
Con todo, sempre van xerarse residuos inorgánicos que tardan centos de anos en desaparecer. É por iso polo que podemos darlle unha alternativa a este lixo e transformalo en algo útil para a nosa comunidade educativa.
Doutra banda, e pensando en opcións de recreos e espazos comúns crearemos unha área de lectura ou sector para conversar. Os alumnos e alumnas poderán dispoñer alí dos bancos fabricados con elementos reciclables.
Para levar adiante estes obxectivos realizamos unha campaña de concienciación, recolección de botellas de plástico, refugallos de teas e caixas de cartón. Así contribuímos coa reutilización dos residuos xerados nos fogares e na escola e logramos construír uns fermosos e confortables escanos ecolóxicos. Asemade, mitigamos o impacto que producen os plásticos e o cartón e xeramos espazos de encontro nos nosos ámbitos comúns.
Unha botella de plástico tarda de 100 a 400 anos aproximadamente en degradarse e o cartón de 1 a 3 meses, dependendo do tipo e estado do mesmo. Por isto, a reciclaxe é unha excelente opción ecolóxica de coidar ao planeta.
Os nosos obxectivos explícitos nesta actividade foron:
– Promover a aprendizaxe sobre a temática dos residuos.
– Promover a redución, reutilización e reciclaxe dos residuos nas escolas e no fogar.
– Aplicar a regra das 3 R (reducir, reutilizar, reciclar).
– Lograr o hábito da reutilización de materiais reciclables e minimizar os impactos ambientais.
– Lograr que o alumnado participe como membro activo da comunidade escolar.
– Estimular no alumnado o interese por recoñecer, debater, crear, participar, formular hipóteses, recoller e relacionar informacións, utilizando o aprendido para trasladalo a situacións cotiás.
Parabéns aos mozos e mozas participantes e tamén ás docentes a cargo desta iniciativa verde!