Premio Rosa Dos Ventos 2013

Aproveitando a presenza en Bos Aires de Luís González Tosar, un grupo de alumnos do curso 2013 do Instituto Santiago Apóstol entregou o premio Rosa dos Ventos ao escritor e presidente do Centro PEN Galicia.

Nun acto realizado no Salón Valle Inclán do Centro Galicia que contou coa presenza, entre outras autoridades, do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia e do membro da Academia Argentina de Letras, Antonio Requeni, o alumnado entregou persoalmente o símbolo que da conta do galardón que fora outorgado o ano pasado pola 5.ª promoción do centro educativo.

O premio Rosa dos Ventos é unha distinción que se outorga anualmente a aquela persoa que –sen pertencer á institución– acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do Instituto Santiago Apóstol, mostre compromiso co labor pedagóxico desenvolvido, contribúa na  divulgación das actividades que se realizan e apoie as múltiples iniciativas que no centro se presentan.

Deste xeito, en todos os ciclos lectivos, o alumnado maior da institución (5.º curso de Bacharelato) propón de maneira individual os candidatos que consideren merecedores de ser recoñecidos e fundamenta as razóns para tal elección. Unha vez designadas as candidaturas, realízase unha votación interna con voto secreto entre o alumnado que compón o curso para seleccionar a persoa galardoada.

No ano 2013 foi distinguido o profesor González Tosar, en palabras dos alumnos e alumnas, “polo constante acompañamento que ten co Instituto Santiago Apóstol; polo apoio permanente ao proxecto educativo; pola indubidable confianza que profesa nas actividades que desenvolvemos; pola defensa dos valores que agocha a nosa institución; pola difusión do noso traballo en todos cantos foros ten ocasión; pola súa proximidade co alumnado; por escoitarnos, valorar as nosas propostas e revitalizalas; por ser un referente, para nós, para Arxentina e para Galicia…”

O emotivo acto foi pechado polo grupo Xardín Desordenado que interpretou varios temas con letra de diferentes poetas galegos.

Galería de fotos