O físico galego Jorge Mira Pérez gaña o Premio Rosa dos Ventos 2017

Jorge Mira gaña o Premio Rosa dos Ventos 2017, concedido polo alumnado do 5º curso de Bacharelato do noso Instituto.
O físico galego Jorge Mira Pérez, catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), é o galardoado este 2017 co premio Rosa dos Ventos que cada ano concede o Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires. Os alumnos de 5.º curso de Bacharelato recoñecen con esta distinción “o seu incesante labor divulgativo, que permite achegar a ciencia dun xeito amable ás xeracións máis novas conseguindo, asemade, que a lingua propia de Galicia ocupe espazos formativos ata non hai tanto tempo alleos a ela”. E engaden, “o xeito rigoroso, mais tamén ´desestruturado´ e ameno, que mostra nas súas actuacións públicas en defensa da ciencia e o seu traballo constante dende o ámbito universitario na defensa do patrimonio cultural de Galicia fano, para nós, merecente deste humilde recoñecemento”. Do mesmo xeito, os mozos destacan o “vínculo” que Mira “estableceu nunha visita ao instituto e que permitiu aos mozos e mozas achegarse dun xeito diferente ao mundo científico”.
Por outro lado, “o espírito construtivo e os seus valores persoais son, entre outros, argumentos polos que desexamos que esta Rosa dos Ventos 2017 leve o seu nome, xa que o profesor Mira aglutina os valores esenciais que o noso instituto defende dende a súa creación”. “A humildade, a sinxeleza, a afabilidade… son todas pegadas que nos impactaron dende o momento en que te coñecemos e que te converteron nun exemplo a seguir”, subliñan na misiva manuscrita que os rapaces lle remitiron estes días para comunicar a súa decisión.
O Rosa dos Ventos:
O Rosa dos ventos é un premio que desde hai seis anos os alumnos do último curso de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires. Con el preténdese homenaxear a un home, muller ou entidade que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do centro educativo. Asemade, simboliza a irmandade cos premiados para que continúen acompañando o labor pedagóxico da escola e difundan as actividades que desenvolve. Nestes anos, foron premiados o actual presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes (2012), o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar (2013), o escritor e académico, Manuel Rivas (2014), o músico Carlos Núñez (2015) e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo (2016).
BIO:
Jorge Mira Pérez (Baio, 1968) é licenciado e doutor europeo en física, con premio extraordinario. Catedrático de electromagnetismo do departamento de física aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Ten publicado máis de 100 traballos científicos en revistas de rango internacional en diferentes áreas, que van desde as propiedades eléctricas e magnéticas de materiais e a nanotecnoloxía, ata a imaxe médica ou a modelización matemática de sistemas sociais.
Como investigador recibiu, entre outros, os seguintes galardóns:
• Finalista do Premio ‘Investigador Novel’, da Real Sociedad Española de Física (1999).
• Premio de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía da Deputación de Pontevedra (2001).
• Premio da Real Academia Galega de Ciencias (2002).
• Premio do Colegio Oficial de Físicos de España (2010).
• XXXIV Premio da crítica Galicia – modalidade de investigación (2011).
• Mención de Honra – Premio de investigación da Real Academia Galega de Ciencias (2011).
Director do departamento de física aplicada da USC (2006-2014) e colaborador da Secretaría General de Política Científica y Tecnológica – Ministerio de Educación y Ciencia – Gobierno de España, para a posta en marcha do Laboratorio Internacional Ibérico de Nanotecnoloxía (2006-2007).
Membro do consello editorial da Revista Española de Física (2012-), director da colección de divulgación científica da editorial da USC (2012-), membro do Consello da Cultura Galega (2015-) e académico correspondente da Real Academia Galega (elixido en 2016).
Colaborador desde finais dos anos 90 en varios medios de comunicación: en programas de TVE-Galicia, da Radio Galega, de RNE-Radio Clásica, de Onda Regional Murcia e da Televisión de Galicia. Colaborador do diario La Voz de Galicia, onde ademais é columnista científico.
Responsable do Programa Conciencia, unha acción de divulgación científica artellada ao redor da visita a Galicia de Premios Nobel (ou o seu equivalente en matemática e ciencias da computación) dende a súa creación en 2006. Ao abeiro deste programa creouse en 2008 o Premio Fonseca de comunicación da ciencia, de carácter internacional.
Responsable do primeiro nodo español da rede internacional Nerd Nite – nerdnite.com (sesións de microcharlas científicas en locais de lecer nocturno) (2012-).
Autor dos libros A ciencia no punto de mira (2010) e A que altura está o ceo? (2016).
Imparte numerosas conferencias e accións formativas ao ano e realiza outras actividades, por exemplo, comisario da exposición Un mar de xenios no fin da Terra (a máis vista en Galicia en 2013), ou organizador da ruta de observación astronómica Ruta das estrelas na Costa da Morte desde o ano 2003.
Polo seu labor divulgativo ten recibido, entre outros, os seguintes premios:
• Premio ‘Física en Acción’, da Real Sociedade Española de Física (2000).
• Mención de Honra do Premio ‘Ciutat de lles arts i de lles ciencies de Valencia’ (2001).
• Premio Nacional ‘Ciencia en Acción’, do Ministerio de Educación e Ciencia e o EIROForum (2005).
• Medalla de Honra “Ciencia en Acción” (2010).
• Premio “José María Savirón” de divulgación científica (2011).
• Premio da Real Sociedade Española de Física – modalidade de ensino e divulgación da física (2012).
• Premio “Ciencia en Acción”, modalidad de materiales didácticos de ciencia, do CSIC, RSEF, RSEQ, SGE, SEA, FL, ICMAT, SEBBM, UNED (2017).
• Prisma especial del jurado – XXX Prismas “Casa de las Ciencias” a la divulgación – Museos Científicos Coruñeses / Concello de A Coruña (2017).
• XL Premio da Crítica Galicia – modalidade de iniciativas culturais e científicas (2017).