A Editorial Galaxia, Premio Rosa dos Ventos 2019

IMG_4825

A Editorial Galaxia é a galardoada neste 2019 co premio Rosa dos Ventos que cada ano concede o Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires. Concedido anualmente polo alumnadodo 5.º cursode Bacharelato.

Os mozos e mozas do instituto galego da capital arxentina nada máis pechar a votación afirmaron: “Somos conscientes que nos case 70 anos de vida a Editorial Galaxia converteuse nunha protectora do patrimonio cultural de Galicia e hoxe é o referente da edición histórica en lingua galega”. E engadiron: “Dende a súa fundación espallou o traballo dos devanceiros, mais tamén foi fiel ao espírito que os movía a eles e, coma don Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto ou Ramón Piñeiro, sempre estivo e está ao carón da xuventude, orientando e apoiando os traballos da mocidade, algo que se ve nas páxinas dos seus libros, onde sempre tiveron cabida as novas voces da literatura, as cales nós coñecemos en parte grazas ás doazóns que Galaxia fixo e fai ao noso colexio”.

Por outro lado, na súa decisión, o alumnado subliñou o feito de que “a Fundación Penzol, a Fundación Isla Couto e a Fundación Otero Pedrayo deben a súa existencia a Galaxia”. “Coñecemos que unha das revistas culturais máis importantes de España –a revista Grial– se edita baixo o seu amparo e, asemade, temos presente que Galaxia inviste os beneficios que produce na propia empresa para ben de Galicia e sabemos que os seus accionistas non reciben dividendos, algo que nos parece un elemento de moita importancia nos mundos que corren, nos que os valores máis elementais da humanidade están en perigo”, engadiron.

Este premio, que recolleron en edicións anteriores Víctor F. Freixanes, Luís G. Tosar, Manuel Rivas, Carlos Núñez, Henrique Monteagudo, Jorge Mira e Fina Casalderrey, recae por vez primeira nunha institución, feito que foi positivamente valorado na decisión. “Cremos que a Editorial Galaxia engloba o traballo de moita xente que desbotando egoísmos e centrando o seu esforzo no ben común quixeron pelexar por un ideal, polo soño de que Galicia tivese cabida no mundo e fose respectada dende a súa singularidade”.

O alumnado maior do instituto galego de Bos Aires entrega este premio con humildade, pois “este galardón non fai xustiza ao que representa a Editorial Galaxia, mais si está outorgado co cariño e o respecto por un labor que oxalá siga a dar froitos para ben da Galicia universal que non coñece fronteiras e da que nós modestamente formamos parte”.

 

Premio Rosa dos Ventos

O Rosa dos ventos é un premio que desde hai 8 anos outorga o alumnado do último curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires. Con el, preténdese homenaxear a un home, muller ou entidade que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do centro educativo. Asemade, simboliza a irmandade cos premiados para que continúen acompañando o labor pedagóxico da escola e difundan as actividades que desenvolve. Nestes anos, foron premiados o actual presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes (2012), o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar (2013), o escritor e académico, Manuel Rivas (2014), o músico Carlos Núñez (2015), o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo (2016), o físico Jorge Mira (2017) e a escritora Fina Casalderrey (2018).

 

Instituto Santiago Apóstolo

O Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires vén desenvolvendo dende hai 20 anos un traballo continuo no asentamento, potenciación e espallamento dos valores patrimoniais galegos dentro dun currículo parello ao dos centros asentados na Galicia territorial.

Este centro educativo, xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires), desenvolve un proxecto educativo bicultural nos niveis inicial, primario e secundario e traballa co obxectivo primordial de brindar unha educación de calidade contrastada, elemento fundamental na promoción dunha escola que leva implícito o nome de Galicia fóra das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma.

Así, a custodia, difusión, reforzamento e desenvolvemento do patrimonio material e inmaterial galego en todos os campos e a oferta dunha educación aberta aos cambios que esixen os novos tempos son alicerces innegociables do centro educativo, piares básicos que sustentan todos os traballos cotiáns.

Fonte: Instituto Santiago Apóstolo (www.santiagoapostol.edu.ar)

 

Editorial Galaxia

O 25 de xullo de 1950 celebrouse no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, a Asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca das Letras, e coa presenza de personalidades senlleiras do galeguismo, como Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista, configurábase daquela o núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo, obrigado á clandestinidade e ao exilio despois da Guerra Civil (1936).

Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro foron as tres personalidades que dende o primeiro momento orientaron a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galegas nos tempos difíciles da ditadura.

Non estaban todos. Algúns non puideron asistir; entre outros Ramón Piñeiro, que viña de saír da cadea. Mais había representantes do exilio e da emigración, principalmente das colectividades galegas de Bos Aires e de Montevideo.

Pasado máis de medio século, a Editorial Galaxia, con case 3.000 títulos editados e un catálogo vivo de 1.500, constitúe hoxe a referencia histórica da edición en lingua galega. No seu catálogo figuran os autores e autoras máis significativos: Otero Pedrayo, Manuel Antonio, Alfonso R. Castelao, Vicente Risco, Ánxel Fole, Florentino López Cuevillas, Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro…

Autores clásicos e autores modernos, pertencentes ás sucesivas xeracións que se incorporaron ao cultivo do idioma durante estas décadas: Celso Emilio Ferreiro, Luís Seoane, Rafael Dieste, Celestino Fernández de la Vega, Domingo García-Sabell, Marino Dónega, Ricardo Carballo Calero, Xosé Neira Vilas, Salvador García-Bodaño, Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán, Xohana Torres, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras, Xesús Alonso Montero, Marina Mayoral, Andrés Torres Queiruga…

A carón deles, os máis novos: Manuel Rivas, Alfredo Conde, Paco Martín, Xavier Alcalá, Anxo A. Rei Ballesteros, Ramón Villares, Bieito Iglesias, Antón Riveiro Coello, Miguel Anxo Murado, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Xerardo Quintiá, Xabier López López, Xosé Carlos Caneiro, Alfonso Pexegueiro, Alberto Avendaño, Vitor Vaqueiro, María do Cebreiro, Anxos Sumai, Inma López Silva, Yolanda Castaño…

O fondo histórico da editorial sobarda na actualidade as 3000 referencias, cun catálogo vivo de máis de 1500 títulos e unha oferta moi variada que atinxe dende os xéneros clásicos aos máis anovadores: producións discográficas, producións teatrais, edicións dixitais, producións audiovisuais, exposicións, complementos didácticos, participación en longametraxes cinematográficas (“A esmorga”, 2014)… Con vocación xeneralista, empeñada na modernización da lingua e da cultura galegas, segue a desenvolver a súa actividade co espírito e a ambición do primeiro día.

Editorial independente, de capital exclusivamente galego, que inviste os seus beneficios na propia empresa, comprometida cos valores do galeguismo, o pluralismo e a tolerancia. No ano 2014 iniciou un proxecto de presenza cara ao mercado exterior (Mar Maior), en Madrid, Bruxelas, Arxentina y Brasil, coa idea de amosar a cultura galega, na súa dimensión máis ampla, alén do territorio e mesmo da lingua propia (traducións ao inglés, portugués, castelán…).

Unha cultura que non está no concerto das culturas todas do mundo é unha cultura mancada. A globalización impón novos desafíos. Nesta mesma liña, a oferta dixital (e-pubs) de Galaxia aumenta cada día, en constante proceso de desenvolvemento.

Por tradición e por acordo dos seus accionistas, Editorial Galaxia S.A. non reparte beneficios. Invísteos arreo en novos proxectos e en novas creacións a prol da cultura. O seu catálogo de clásicos é o máis rico da literatura galega (Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, López Cuevillas, Rafael Dieste…), complementado coa incorporación de escritores e escritoras das xeracións máis novas.

A diversificación que pouco a pouco se foi producindo no mundo editorial galego, coa creación de editoriais como Ediciós do Castro (1963), a desaparecida Castrelos (1964), Edicións Xerais de Galicia (1979), Sotelo Blanco (1981) e outras como A Nosa Terra, Ir Indo, Laiovento, Espiral Maior, Hércules de Ediciones, Edicións Positivas, Edicións do Cumio, Kalandraka, etc., así como o nacemento en 1983 da Asociación Galega de Editores, que na actualidade agrupa arredor de 45 empresas, supuxo un grande enriquecemento e a introdución dun necesario factor de normalidade no libro galego. Este panorama, cada vez máis rico, plural e competitivo, constitúe un estímulo modernizador para Galaxia.

Fonte: Editorial Galaxia (www.editorialgalaxia.gal)

Galería de fotos