inicial y primario: PROXECTO DO MUNDIAL

O día 15 de xuño comeza o mundial de fútbol. Por esta razón, na nosa escola cremos importante traballar a partir deste eixe, elaborando un proxecto do cal todos e todas seremos parte. Queremos formar xuntos un espazo educativo integrador, solidario e democrático, pois consideramos que a circulación de ideas, pensamentos, sentimentos, vivencias e crenzas é o que nos permitirá que o grupo humano se integre cada vez máis profundamente.
No noso instituto consideramos o xogo como un dos aspectos esenciais do crecemento, aspecto que favorece o desenvolvemento das habilidades mentais, sociais e físicas. É o medio no que os nenos expresan os seus sentimentos dun xeito espontáneo e pracenteiro. Xogar implica organizarse, dialogar, facer acordos, axustarse ás regras e, asemade, favorece o traballo a partir das identidades individuais, colectivas e institucionais.
O proxecto que presentamos contará co traballo articulado en todas as áreas e, a partir dun sorteo que implicará os 32 países participantes na competencia, cada grao / sala representará a 2 países.
Deste xeito, en Informática, o alumnado confeccionará un álbum de figuras institucional; en Tecnoloxía, encadernará e pintará o devandito álbum; na materia de Plástica, realizaranse camisolas que representen a cada país; en Música, comporase un Himno Institucional e, na área de Teatro, retrataranse os equipos e esas fotografías resultantes servirán como figuras para completar os álbums. Tamén nas materias de Lingua Galega, Lingua Castelá e Lingua Inglesa os rapaces e rapazas traballarán vocabulario específico; en Xadrez / Xogos regrados crearán tácticas e estratexias de xogadas e as docentes de grao investigarán sobre os países que cada curso representa e axudarán aos nenos e nenas a deseñar carteis que se espallarán polos corredores para que os mozos e mozas coñezan características dos países participantes. Pola súa parte, as docentes de nivel Inicial tamén confeccionarán camisolas e bandeiras dos lugares que representa cada sala e transmitirán os valores que debe achegarnos unha competencia mundial deste tipo.
Xa por último, será a área de Educación Física a encargada de pór en marcha o noso Mundial mediante xogos e deportes que se realizarán dentro das clases. Durante a competencia cada país irá gañando figuras que servirán para completar o prezado álbum mundialista.
