Importante premio para o Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires
Luca Posatini Sáez, alumno do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo de Bos Aires vén de gañar o 1.eiro premio do Concurso Nacional de Poesía Haiku 2018 organizado pola Fundación Internacional Jorge Luis Borges da Arxentina e destinado a mozos e mozas de idades comprendidas entre 12 e 18 anos.
O pasado xoves, 15 de novembro, no Auditorio da Asociación de Amigos do Museo Nacional de Belas Artes, María Kodama, presidenta da fundación que outorga o premio, entregoulle ao alumno do colexio galego da capital porteña o diploma que o distingue como gañador dun certame no que participou alumnado de todo o país austral.
Luca Posatini, quen estivo acompañado no acto polos seus pais e polo profesor Mauro Alfonso Ares, docente de Lingua e Literatura Castelá e dinamizador do concurso no centro educativo, logo de recibir o premio, manifestou: “Estou contento, aínda que non o esperaba. Sempre me gustou contar cousas escribindo e miña nai di que teño facilidade”. Luca principiou os seus estudos no Instituto Santiago Apóstolo con 6 anos e sinte polo colexio un cariño especial: “Penso que tamén é un premio para o instituto e para todo o que fai pola nosa educación. Eu quero moito este colexio porque nos fan sentir a todos os alumnos importantes”.
Este recoñecemento únese a outros importantes galardóns que destacan o labor que desenvolve oInstituto Santiago Apóstolo de Bos Aires dende hai 20 anos para “brindar unha educación de calidade contrastada, elemento fundamental na promoción dunha escola que leva implícito o nome de Galicia fóra das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma”, tal e como afirma o representante legal do centro educativo, Manuel Peleteiro Pérez.
No instituto, xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires), aprenden hoxe 565 alumnos mediante un proxecto educativo bicultural nos niveis Inicial, Primario e Secundario co obxectivo de dinamizar e pór en valor o patrimonio cultural galego na Arxentina a partir dun traballo adaptado ás novas correntes pedagóxicas.