Henrique Monteagudo gaña o Premio Rosa dos Ventos 2016

Bos Aires, 18 de novembro de 2016.-
O sociolingüista galego Xosé Henrique Monteagudo Romero, membro de número da Real Academia Galega (RAG) e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), é o galardoado este 2016 co premio Rosa dos Ventos que cada ano concede o Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires. Os alumnos do 5.º curso de Bacharelato recoñecen con esta distinción “o compromiso que mostra nas súas actuacións públicas en defensa da identidade de Galicia” así como “o seu traballo constante dende o ámbito académico na defensa do patrimonio cultural”. Así mesmo, os mozos destacan o “vínculo” que Monteagudo “mantivo aceso coa realidade” da emigración en xeral e, concretamente, coa institución educativa á que pertencen. “As atencións que sempre nos dispensou cando viaxamos a Galicia e os seus valores persoais nos que se mestura o espírito crítico con ansias construtivas son, entre outros, argumentos polos que desexamos que esta Rosa dos Ventos 2016 leve o seu nome”, subliñan na misiva manuscrita que os rapaces lle remitiron estes días para comunicar a súa decisión.
Agradecido, o profesor Monteagudo xa deu resposta asegurando que espera poder recoller o galardón persoalmente. “Recibo con inmenso orgullo e una enorme modestia unha distinción que honra, moito, e que obriga, moito máis aínda”, apuntou. “Non teño palabras para expresar a emoción, a honra, o agradecemento que en min suscita a carta dos e das estudantes”, escribiu o secretario da Real Academia Galega na misiva asinada hai horas. Nela fai fincapé na orixe do recoñecemento. “Vén do pasado (dunha longa memoria), pero sobre todo vén do porvir, do futuro que representa esa mocidade galego-arxentina”, apuntou.
Henrique Monteagudo
Profesor Titular de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela. Investigador do Instituto da Lingua Galega da USC desde 1981, membro do seu consello científico desde 1995. Investigador colaborador do Centro de Lingüística Geral e Aplicada da Universidade de Coimbra desde 2007.
Nado en Muros (A Coruña), en 1959. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago (1981). Doutor en Filoloxía Galega pola mesma Universidade (1995), onde exerce como profesor desde 1982. ‘Assistant Lecturer’ na Universidade de Birmigham (Reino Unido) 1988-89. Profesor visitante para ministrar seminarios de posgrao e cursos de doutoramento sobre filoloxía e lingüística galega, na City University of New York (1996, 2006), Universidade de Lisboa (1997), Universidad de Buenos Aires (2004 e 2007), University of California (Santa Barbara) (2008) e da Universidade de São Paulo (2009). Convidado para dar conferencias ou seminarios nas Universidades de Madrid (Complutense), Barcelona (Central), Valencia, País Vasco e Salamanca (España), Braga, Porto, Coimbra e Lisboa (Portugal), Oxford (Reino Unido), Trier, Berlin (Freie Universität), Tübingen, Kiel e Heidelberg (República Federal Alemá), Universidade Estadual do Ceará (Fortaleza), Federal de Salvador de Bahia e Federal Fluminense (Brasil), Unversidad de las Américas (México), Anveres (Bélxica) e Universidade , entre outras.
Secretario do Consello da Cultura Galega (2000-10) e coordinador da súa Sección do Lingua e do proxecto “Obras de Martín Sarmiento” (CCG/ILG). Director do Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega desde 1998. Coordinador do proxecto ‘Informe de Política Lingüística e Normalización en Galicia (1980-2000)’.
Membro do Consello de Redacción (desde 1988) e co-director (desde 2003) da publicación trimestral Grial. Revista Galega de Cultura.
Membro do Consello de Redacción da revista electrónica Estudos de Lingüística Galega (ILG/USC)
Membro do Consello Editorial da Editorial Parábola (São Paulo) desde 2007.
Coordinador do Programa Oficial Interuniversitario de Posgrao ‘Máster en Política Lingüística e Normalización en Galicia’ (USC, UdC, UVigo, 2008-09).
Membro numerario da Real Academia Galega.
O Premio Rosa dos Ventos
O Rosa dos ventos é un premio que desde hai catro anos os alumnos do último curso de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires. Con el preténdese homenaxear a un home ou muller que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional da institución educativa. Asemade, simboliza a irmandade cos premiados para que continúen acompañando o labor pedagóxico da escola e difundan na outra beira do Atlántico as actividades que desenvolve. Nestes anos, foron premiados o editor e xornalista, Víctor Fernández Freixanes (2012), o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar (2013), o escritor e académico, Manuel Rivas (2014), e o músico Carlos Núñez (2015).