O presidente da Xunta de Galicia visita o Instituto Santiago Apóstolo

20250307_090529

O pasado venres, día 7 de marzo, don Alfonso Rueda Valenzuela realizou unha visita institucional á nosa escola para formalizar a posta en marcha deste novo curso lectivo.

Acompañado de altas autoridades entre as que se atopaba o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, don José González Vázquez, e a directora xeral da Dirección Xeral de Educación de Xestión Privada do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires, dona Nora Ruth Lima, saudou en primeiro termo aos nenos e nenas máis novos que o agardaban impacientes para agradecerlle a súa xentileza e interpretar unha canción no seu honor antes de que a comitiva se desprazase ao Salón Valle Inclán do Centro Galicia, lugar no que 250 alumnos da institución colmaban o aforo do teatro.

Santiago García e Juana Carbajales, presentador e presentadora do evento, déronlle a benvida ao señor presidente no nome de toda a comuniade educativa: “Logo de 27 anos de traballo, por crelo de xustiza, desexamos agradecer fondamente o acompañamento constante que a Xunta de Galicia e o Goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires nos brindan co obxectivo encomiable de que todos os nenos, nenas e adolescentes que cursamos os nosos estudos nas aulas deste benquerido Instituto Santiago Apóstolo poidamos, con conciencia, formar parte dunha sociedade na que a educación sirva, non só para transmitir coñecementos, senón para acompañar ao alumnado fomentando a innovación e a creatividade, factores que nos permitirán transitar as nosas vidas en liberdade”.

Nun escenario presidido polo cadro “A derradeira leición do mestre”, Lupe Sierra Vila, Nicolás Alerino e Bruno Bessi, alumna e alumnos de 4.º grao do nivel Primario, leron o primeiro parágrafo do conto “O segredo”, escrito en 1909 en Santiago de Compostela por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e incluído no seu libro “Retrincos”. Posteriormente, Julia Calvo Romano, Pilar Lombardo, Rosario Blanco Basso, Juana Visciarelli, Olivia Lagos e Renata Moroncini interpretaron o tema “Quen é a que canta?”, que universalizaron Tanxugueiras e Fillas de Cassandra, grupos estes que recibiron o premio Rosa dos Ventos que outorga anualmente o noso centro de estudos.

Don Manuel Peleteiro, presidente da Delegación arxentina da Fundación Galicia América, entidade propietaria do noso colexio, tomou a palabra para agradecer fondamente a xenerosidade do señor presidente e o acompañamento e apoio constante que nos ofrece.

Na súa alocución, o presidente da Xunta de Galicia mostrouse compracido ao poder compartir uns momentos co alumnado e loou o papel que realiza o Instituto Santiago Apóstolo como garante da cultura galega na Arxentina. “Sodes capaces de que os máis pequenos que nos saudaban na entrada o fagan en galego; que os presentadores falen un galego perfecto e, polo tanto, é un gusto, un exemplo, e algo que temos que ter moi en conta”. Asemade, engadiu: “Eu sempre digo que dende o outro lado do mar nos dades moitas leccións aos galegos que estamos alí”.

Lembrando que este 2025 foi declarado pola Xunta de Galicia “Ano Castelao”, a máxima autoridade de Galicia, referíndose ao autor e á obra que ocupaba espazo central no evento, dixo: “Queremos dedicarlle os 365 días do ano para dicir que é un símbolo de toda Galicia, na que toda Galicia se pode sentir recoñecida”.

A sinatura no libro institucional de visitas e unha reunión das autoridades coa Delegación arxentina da Fundación Galicia América deu remate a unha mañá repleta de emocións e momentos inesquecibles.

 

VER VIDEO AQUÍ

Galería de fotos