O delegado da Xunta de Galicia en Arxentina presidiu a entrega de diplomas aos alumnos e alumnas de 5° curso de Bacharelato

1

O pasado mércores, 4 de decembro, o señor delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, don Alejandro López Dobarro, presidiu a cerimonia de entrega dos diplomas que acreditan a finalización dos estudos secundarios da 16.ª promoción do Instituto Santiago Apóstolo.

O acto, conducido por Catalina Álvarez e Santiago García, alumnos de 4.º curso do nivel medio, contou coa presenza do presidente do Centro Galicia de Buenos Aires, don José María Vila Alén; da secretaria da Delegación arxentina da Fundación Galicia América, dona Alicia García de la Fuente; do delegado de Cultura da Fundación Galicia América, don Fernando López Pereira e de directivos da institución, profesorado e familias.

Despois de entoar as letras dos himnos arxentino e galego e escoitar o himno de España, os presentadores describiron unha das ideas que fundamentan o quefacer diario do noso instituto “Tecer fíos entre as dúas beiras do Océano Atlántico crendo nunha Galicia ampla, sen marcos físicos que a empobrezan é un obxectivo fundamental neste colexio que nos acolle. Traballamos, en fin, abrindo a xanela ao mundo con espírito de concordia, crendo na diversidade que nos enriquece e apostando por un xeito dinámico de entender o ser arxentino e o ser galego”.

Posteriormente, os preceptores Santiago Hellers e Diego Colombo dirixíronlles unhas palabras de saúdo aos mozos e mozas e lembraron múltiples anécdotas protagonizadas ao longo do seu paso pola institución.

O señor delegado da Xunta de Galicia, acompañado por Alicia García de la Fuente e a reitora do nivel Secundario, entregou os documentos que acreditan o final dos estudos desta nova promoción do noso centro educativo e, asemade, agasallou un presente aos alumnos e alumnas que cursaron, desde o nivel Inicial, todos os seus estudos no Instituto Santiago Apóstolo.

O discurso de María Inés Romano e Mauricio Pablo Lombardo, no nome das familias, precedeu a alocución da licenciada Ángeles Sananez, quen deixou patente o noso propósito institucional: “Os que traballamos nesta institución, desexamos que se estean despedindo desta etapa cunha mochila repleta de aprendizaxes que lles faciliten os camiños académicos, profesionais e laborais que decidiron seguir. Con todo, a escola ten un propósito aínda máis fundamental: un obxectivo que sostén cada unha das pequenas metas que acompañamos a cumprir ao longo destes anos. Ese obxectivo esencial é a formación de cidadáns comprometidos e activos”.

Alicia García de la Fuente, en nome da Fundación Galicia América, agradeceu o traballo comprometido dos egresados e pediulles que nunca esquezan as aprendizaxes adquiridas para continuar avanzando na súa formación.

Pechou o acto don Alejandro López Dobarro. Na súa alocución o máximo mandatario galego en Arxentina felicitou aos alumnos e animounos a perseguir o seu futuro con dedicación, aproveitando o tempo coa convicción de que con coñecemento poderán abrir os camiños que desexen en liberdade e paz.

Galería de fotos