Día de Galicia
O 25 de xullo, celebramos o día do noso país, en palabras de Castelao: a festa maor de Galicia, a festa de todol-os galegos.
As orixes desta celebración remóntanse ó 1920, ano no que as Irmandades da Fala organizan o primeiro Día de Galicia como acto de afirmación da nosa identidade colectiva.
Dende esta primeira convocatoria, as manifestacións organizadas para conmemorar o Día de Galicia estiveron sempre condicionadas pola situación política de cada momento, aínda que sempre tiveron como eixo central a reivindicación dos nosos símbolos e a nosa identidade coma país.
Durante a longa noite de pedra, as sociedades galegas na emigración manteñen acesa esta convocatoria e, en Galicia, o galeguismo se concéntrase ó redor da tradicional misa por Rosalía na igrexa de Santo Domingo de Bonaval.
Dende a instauración da democracia e a promulgación do Estatuto de Autonomía, a práctica totalidade das organizacións políticas e unha boa parte das institucións públicas programan todo tipo de actividades para conmemoraren esta data. Declaracións institucionais da Xunta de Galicia e do Parlamento Galego; bandos municipais chamando ós veciños e veciñas a celebrar o Día e a colocar a bandeira galega o mesmo 25 de xullo en rúas e balcóns; conferencias, mítins e xornadas de confraternidade que preceden ou teñen lugar o propio 25 son actos que se realizan co gallo deste día.
Oxalá todos os 25 de xullo contribúan na recuperación da nosa memoria colectiva e que axuden, parafraseando ás Irmandades da Fala, a estreitar os lazos entre os galegos da metrópoli e os que teñan residenza nas nosas numerosas colonias sen bandeira.