Día de Galicia 2022

1000

O día de onte desenvolvemos o acto institucional conmemorativo do Día de Galicia 2022.

O evento, que encabezou dona Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega, quen estivo acompañada –ademais das autoridades institucionais– por Emilia García López, responsable de Acción Exterior do devandito organismo, foi organizado integramente polo alumnado da institución co apoio dos seus docentes e permitiu render unha sentida homenaxe á terra que deu orixe e segue amparando á nosa escola.

Bailes tradicionais de Galicia, poemas de Florencio Delgado Gurriarán –autor protagonista do Día das Letras Galegas deste ano– e unha impresionante actuación musical de canto e baile que xuntou 3 temas do recoñecido grupo galego Tanxugueiras centraron as actividades que, con moita ilusión, os mozos e mozas de todos os niveis educativos prepararon para a ocasión.

Do mesmo xeito, puidemos visualizar un vídeo que lembrou os actos que, a distancia, se realizaron durante os tempos de confinamento co apoio unicamente de teléfonos portátiles e plataformas dixitais, mostra evidente do compromiso e activismo que día a día reflicten co seu traballo os/as nosos/as estudantes e que permitiron superar momentos de máxima dificultade con éxito notorio.

Na súa alocución, a catedrática Rosario Álvarez deixou constancia da emoción que sentía ao ver a Galicia viva en Buenos Aires e animou ao estudantado a que continúe fortalecendo a súa educación con iniciativa, criterio e entusiasmo.

Felices vacacións.

 

Galería de fotos