A escritora e académica Fina Casalderrey, Premio Rosa dos Ventos 2018

Concedido anualmente polo alumnado do 5º curso de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires
A académica Fina Casalderrey é a galardoada neste 2018 co premio Rosa dos Ventos que cada ano concede o Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires. Os alumnos de 5.º curso de Bacharelato recoñecen con esta distinción “o traballo que a escritora desenvolve a prol de Galicia, o seu incesante labor divulgativo entre as novas xeracións e a defensa comprometida da lingua galega”. Ademais, destacan o seu talante modesto, respetuoso, cariñoso, cercano, optimista… “algo que nos agradou moito, pois malia ser unha das figuras máis importantes da literatura infantil e xuvenil, a humildade e xenerosidade acompáñana en todo momento, o cal nos congratula e nos fixo sentir ben dende o momento en que a coñecemos”. Do mesmo xeito, os mozos destacan a pegada que neles deixaron as lecturas dos seus libros, pois “mergulláronnos na marabillosa cultura galega, a cal defendemos e defenderemos tendo a Fina –xunto a outros insignes intelectuais– como guieira”.
Por outro lado, o feito de que a escritora fose mestra durante toda a súa vida non pasou inadvertido para a rapazada: “Fina é ante todo mestra e iso nótase cando un a escoita, achega os conceptos dun xeito amable, sen estridencias, con agarimo… Non podería ser doutro xeito, Fina tiña que ter a nosa Rosa dos Ventos”.
Este premio, que recolleron en edicións anteriores Víctor F. Freixanes, Luís G. Tosar, Manuel Rivas, Carlos Núñez, Henrique Monteagudo e Jorge Mira recae por vez primeira nunha muller, feito que foi positivamente valorado na decisión. “Cremos que xa ía sendo hora de que unha muller gañase o noso premio, cremos na diversidade do mundo e, por iso, tamén cremos na igualdade de xénero. Non entendemos a discriminación e apostamos por intensificar o rol da muller neste século, tal e como defende Fina”.
O alumnado maior do colexio galego de Bos Aires entrega este premio con moito orgullo, consciente de que llo están a outorgar a unha persoa que cre na xuventude como alicerce de cambios necesarios e por riba “que non nos ve coma seres inferiores e que comparte pensamentos connosco de igual a igual, co convencemento de que nós tamén podemos dicir cousas, e isto non é moi común, aínda hoxe”.
O Rosa dos Ventos
O Rosa dos ventos é un premio que desde hai 7 anos os alumnos do último curso de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires. Con el preténdese homenaxear a un home, muller ou entidade que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do centro educativo. Asemade, simboliza a irmandade cos premiados para que continúen acompañando o labor pedagóxico da escola e difundan as actividades que desenvolve. Nestes anos, foron premiados o actual presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes (2012), o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar (2013), o escritor e académico, Manuel Rivas (2014), o músico Carlos Núñez (2015), o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo (2016) e o físico Jorge Mira.
Instituto Santiago Apóstol
O Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires vén desenvolvendo dende hai 20 anos un traballo continuo no asentamento, potenciación e espallamento dos valores patrimoniais galegos dentro dun currículo parello ao dos centros asentados na Galicia territorial.
Este centro educativo, xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires), desenvolve un proxecto educativo bicultural nos niveis Inicial, Primario e Secundario e traballa co obxectivo primordial de brindar unha educación de calidade contrastada, elemento fundamental na promoción dunha escola que leva implícito o nome de Galicia fóra das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma.
Así, a custodia, difusión, reforzamento e desenvolvemento do patrimonio material e inmaterial galego en todos os campos e a oferta dunha educación aberta aos cambios que esixen os novos tempos son alicerces innegociables do centro educativo, piares básicos que sustentan todos os traballos cotiáns.
Fonte: Instituto Santiago Apóstol (www.santiagoapostol.edu.ar)
Fina Casalderrey
Xosefa Casalderrey Fraga (Fina Casalderrey) naceu no lugar de Pilarteiros, parroquia de Santo André de Xeve (Pontevedra), en agosto de 1951. O ambiente rural dos seus primeiros anos e as historias que lle narraba seu pai contribuíron en modelar a súa escola do fantástico.
O galego era a lingua de seus pais e a súa propia. Lingua na que nunca puido deixar de soñar, mesmo cando –primeiro na escola pública da Porta do Sol de Lérez e despois no Instituto de
Pontevedra (hoxe IES Valle-Inclán)– houbo de finxir abandonala nas relacións sociais, por imposición das circunstancias de opresión que lle tocou vivir.
Estudou Maxisterio e no seu primeiro destino como mestra deu con Avelino Pousa Antelo e empezaron a xurdir preguntas e a atopar algunhas respostas á diglosia que se respiraba no seu ambiente. Foi daquela que comezou a adaptar contos populares ao teatro para representalos co seu alumnado para seguir con sinxelas pezas de creación propia, actividade que non abandonou nunca durante os corenta anos de docencia.
Nos comezos como ensinante, foron tantos os destinos (Pontecesures, San Cipriano de Ribarteme, Catoira, Cambados, Covelo da Lama, Barcia da Lama, Campelo da Lama, Bora, Mosteiro, Meis…) que, en canto tivo oportunidade, quedou 25 anos no, daquela Grupo Escolar, Santa Lucía de Moraña. Logo, os dez últimos anos, previos á súa xubilación, impartiu docencia no IES Illa de Tambo de Marín. E cada neno, cada nena, cada escola, foi deixando un pouso na súa memoria.”Oxalá tamén algo bo de min quedase un chisquiño en todos eles”, di ás veces. Asegura que as horas extra, ano tras ano, investidas co seu alumnado despois das clases, foron a súa mellor “licenciatura” en pedagoxía.
A súa especialidade, por oposición, é Matemáticas e Ciencias da Natureza, pero naquel fervedoiro do comezo da Lei de Normalización, diplomouse en Lingua e Literatura Galega na Escola Oficial de Idiomas (por libre, en Pontevedra aínda non se abrira tal Centro). Cambiar a Escola, achegala máis á realidade, instouna a realizar co seu alumnado diferentes traballos relacionados coa investigación etnográfica no entorno próximo (os hórreos, os apeiros de labranza, a climatoloxía e astroloxía popular, as festas populares, a medicina popular, os xogos tradicionais, cantigas, refráns, lendas…), moitos deles premiados no seu día polo Museo de Pontevedra, pola Xunta de Galicia ou pola Xefatura Nacional de Tráfico. Todos eles en galego. En parte, eses traballos foron o inicio dunha publicación colectiva, coordinada por Mariano García (Terras de Moraña: Unha realidade na historia, na lenda, na lembranza… 2002), publicada polo Concello de Moraña moitos anos despois da súa elaboración.
Xunto con Mariano García, publicou os ensaios: O libro da empanada (1993), Festas gastronómicas de Galicia (1994) e Repostería en Galicia (1997) (3.eiro Premio Álvaro Cunqueiro de Periodismo Gastronómico).
En relación co mundo do ensino, en 1996, publica Recursos teatrais para a expresión dramática na escola (7 pezas para representar).
Outras publicacións pedagóxicas foron: Lecturas 2 (1º Ciclo EP). Edebé, 1997; Tren dos contos 1º; EP. Lecturas. SM, 2006; Un dous tres hora de ler. SM Xerme, 2008; Tic tac tic hora de llegir! SM, 2008; Medrando Sans. Xunta de Galicia, 2008.
Exerceu de pregoeira en diferentes feiras do Libro e tamén en eventos gastronómicos en múltiples ocasións. Impartiu charlas-coloquio, mesas redondas, conferencias… relacionadas coa LIX ou coa Gastronomía, dentro e fóra de Galicia, en Centros de Ensino, Asociacións Culturais, Museos, Centros Galegos, Universidades… (Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, A Coruña, Lugo, así como diferentes cidades de Asturias, Cantabria, Navarra, Aragón, Castela-León, Comunidade Valenciana, Madrid, Estremadura, Murcia, Andalucía, Canarias… Tamén na Bretaña Francesa, Xenebra (Suíza), Hamburgo (Alemaña), Cork (Irlanda), Rabat e Casa Blanca (Marrocos), A Habana (Cuba), Caracas (Venezuela), Panamá, Guadalajara (México), Boloña (Italia)…
Participou no informe da UNESCO de 1997 La educación encierra un tesoro.
Foi membro da directiva de Gálix dende setembro de 2001 ata xaneiro de 2004. Pertence ao PEN Club dende o 12 de xaneiro do ano 2008, e á AELG dende o 1 de xullo de 2009.
No ano 1991 deuse a coñecer no mundo das publicacións coa novela xuvenil Mutacións xenéticas. Dende entón, publicou máis de cincuenta títulos, dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís aos que lles hai que sumar máis de vinte historias recollidas en volumes colectivos. Os seus libros, sempre escritos inicialmente en galego, tradúcense habitualmente ás demais linguas do Estado. Algúns tamén ao bretón, coreano, inglés, francés, italiano, portugués ou chinés.
Dende novembro de 2013 forma parte da RAG (Real Academia Galega) como membro numerario. O seu discurso de ingreso levou por título: Viaxe á semente. Dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario.
Colabora en prensa con artigos e outros traballos que aparecen espallados por xornais e revistas (Diario de Pontevedra, Progreso de Lugo, Nós de Sabadell, Fadamorgana, Golfiño, CLIJ, Cedofeita, Tempo Exterior…).
Por dous artigos publicados no Diario de Pontevedra fóronlle concedidos os premios Puro Cora (2001) e o Fernández del Riego (2003).
No ano 1996 foille concedido o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa.
Fonte: fina.casalderrey.com
FotoWeb: Real Academia Galega
Galería de fotos