Visita do Excmo. Sr. conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia

20240729_100407

Na mañá de hoxe o noso instituto recibiu a visita de don José González Vázquez, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. O alto mandatario do Goberno Galego –quen acudiu acompañado de don Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, e de don Alejandro López Dobarro, delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires– percorreu as instalacións do centro educativo, visitou varias aulas dos niveis Inicial e Primario, saudou os nenos e nenas e coñeceu de primeira man algúns dos principios pedagóxicos que rexen o noso quefacer cotián.

No cuarto andar do edificio escolar foi recibido polo alumnado maior do colexio. María Julia Calvo Romano, Pilar Lombardo Castagnino e Rosario Blanco Basso interpretaron para el unha canción do grupo Tanxugueiras en sinal de benvida. Matías Díaz, presentador do acto, agradeceulle o feito de que quixese vir saudalos malia a complexa axenda que tiña que atender. Asemade, recalcou: “Considerámonos, señor conselleiro, unha parte de Galicia. Coñecemos a súa historia pretérita, valoramos a súa realidade presente e traballamos modestamente para contribuír no seu vizoso futuro”. “Somos, don José, un alicerce activo e co noso estudo e preparación levamos agora e levaremos, nos traballos que desempeñemos no día de mañá, a Galicia sempre presente como constituínte da nosa personalidade”, engadiu.

Alicia García de la Fuente, secretaria da Delegación arxentina da Fundación Galicia América, agradeceulles aos visitantes a súa xentileza, o apoio constante que teñen co noso colexio, coas tarefas pedagóxicas que desenvolve o centro de estudos e destacou a calidade educativa que se imparte nas nosas aulas, referendada esta polo propio Ministerio de Educación do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires.

O señor conselleiro tomou a palabra e, dirixíndose aos mozos e mozas, agradeceu o recibimento, manifestou a súa ledicia por poder compartir uns momentos no Santiago Apóstolo e animou ao auditorio a continuar estudando con interese, formándose intelectualmente para construír o seu futuro en liberdade e aprendendo a lingua de Galicia que abre portas no mundo.

Galería de fotos