O Instituto Santiago Apóstolo celebra o Día das Letras Galegas
O colexio arxentino-galego realizou un acto cultural para homenaxear a Luísa Villalta e referendar o seu traballo incansable a prol da lingua e cultura de Galicia.
O Instituto Santiago Apóstolo de Buenos Aires, unha institución educativa que promove o ensino da lingua e a cultura galega en Arxentina, celebrou hoxe o Día das Letras Galegas cun acto cultural que –presentado pola alumna Juana Carbajales e o alumno Leonel Helmer– reuniu a alumnado, profesorado, familias e autoridades no Salón Valle Inclán do Centro Galicia en dúas sesións ateigadas de público e que contou coa presenza de Luís González Tosar, escritor arxentino-galego, presidente do Centro PEN Galicia e académico correspondente da Academia Arxentina de Letras.
“Neste instituto, dende Buenos Aires, a Galicia ideal que concibiu Castelao, nós, os nenos, nenas e adolescentes que estudamos nesta escola tamén queremos honrar a idea, o simbolismo e a esencia de sermos galegos porque, como xa se dixo moitas veces, galego pode ser quen queira selo, sen cancelas pechadas nin predios acoutados” enunciaron os presentadores para comezar un acto que tivo como introdución a parte formal protocolaria que presidiron as bandeiras de cerimonia oficiais e a interpretación dos himnos arxentino, español e galego.
O evento, coordinado por Ana Vardaro, Alejandra Lorenzo, Lucas Carosella, Marta Villar e Federico Trillo, achegou os bailes tradicionais interpretados por todos os niveis educativos; a actuación do coro escolar; as cancións de Tanxugueiras, Gabi Reboredo, Xabier Díaz e Fillas de Cassandra que interpretaron María Julia Calvo Romano, Rosario Blanco Basso, Pilar Lombardo Castagnino, Ana MacAllister, Victoria Ibarrola e Agustín Rojas e os poemas de Luísa Villalta recitados por Pedro Cabiaglia, Matilda Dinardi Pérez, Bianca Simone Hahn, Fiorella Campos Calderón, Rosario Blanco Basso e os nenos nenas de 5 anos. Estas, entre outras, foron as actividades desenvolvidas e que encheron de festa e emotividade este día de especial importancia para o instituto.
O escritor Luís G. Tosar manifestou o seu orgullo polo traballo que leva adiante acotío o Santiago Apóstolo na promoción da cultura galega en Bos Aires e animou ao centro educativo a continuar no vieiro trazado sen desfalecer. O académico definiu ao colexio como a obra máis grande xamais construída fóra das fronteiras administrativas galegas, obra que cómpre apoiar sen dúbida de ningunha clase conxugando esforzos.
Fotografías: Mía Carabajal