Entrega de diplomas de 5° curso de bacharelato

78504325_2640514122684132_2514822094768832512_o

O señor Embaixador de España na Arxentina, don Francisco Javier Sandomingo Núñez, presidiu a cerimonia de entrega dos diplomas que acreditan o remate dos estudos no nivel medio da 11.ª promoción do Instituto Santiago Apóstolo.

O acto, conducido por Milagros Miño e Ignacio Pinto, alumnos de 4.º curso de secundaria, contou coa presenza do señor conselleiro de Educación da Embaixada de España, Matías Jiménez Ortiz, autoridades da Fundación Galicia América e representantes do Centro Galicia de B.Aires.

Logo de entoar as letras dos himnos arxentino e galego e escoitar, entrámbolos dous, o himno de España, os presentadores describiron o 2019 coma “un ano cheo de experiencias, convivencias e aprendizaxes”. E engadiron: “Estamos nesta Bos Aires, capital cosmopolita aberta que se formou grazas a múltiples achegas culturais. Diversas realidades conxugadas entre as que Galicia xoga un papel preponderante. Por isto, temos orgullo como alumnos e alumnas deste o noso colexio de ser reflexo de esperanza e de sentírmonos arxentinos portando no noso corazón a Galicia e España”.

Posteriormente, as profesoras Sandra Vásquez, Daniela Maldonado e Gladys Caldas dirixíronlles cadansúas palabras de saúdo aos mozos e mozas e recordaron múltiples anécdotas protagonizadas ao longo do seu paso pola nosa institución.

O señor Embaixador de España, acompañado por Manuel Peleteiro, presidente da Delegación arxentina da Fundación Galicia América, e por Juan Domingo Rodríguez, director do nivel secundario do colexio, entregou os documentos que acreditan o remate dos estudos desta nova promoción do noso centro educativo e, asemade, agasallou un presente aos alumnos e alumnas que cursaron, dende o nivel inicial, todos os seus estudos no Instituto Santiago Apóstol.

Os discursos de Miguel Ángel Negreira no nome das familias, Juan Domingo Rodríguez e Manuel Peleteiro precederon o peche que realizou o señor Embaixador de España.

Na súa alocución o máximo mandatario español na Arxentina animou aos mozos a perseguiren o seu futuro con dedicación, aproveitando o tempo coa convicción de que con coñecemento poderán abrir os camiños que desexen en liberdade e paz.

Galería de fotos