7.º grao. Acto do día 12 de outubro

Hai algún tempo, nesta data recordábase a chegada de Colón a América, momento no que comeza a confluencia de dous Mundos e achega unha profunda transformación da vida humana nesta e naqueloutra beira do Atlántico. Sen dúbida, aquel 12 de outubro de 1492 provocou un encontro de culturas completamente diferentes, modificou a economía mundial e desatou cambios demográficos en toda América.
Actualmente co nome de “Día da Diversidade Cultural Americana” diferentes organismos procuran promover unha reflexión permanente acerca da Historia e, así, potenciar o respecto pola diversidad cultural, promover os Dereitos Humanos dos pobos orixinarios –tal e como marca a Constitución Nacional nos artigos sobre a igualdade das persoas– e darlles a esas comunidades a garantía do respecto á identidade e ao dereito a unha educación bilingüe e intercultural. Unha data para recordar, celebrar e traballar para o benestar de todas as culturas. Unha data que habilita actualmente profundas reflexións e debates e tamén expresa as reivindicacións dos pobos orixinarios do continente americano.
As raíces da nosa identidade cultural foron plantadas e fortalecidas polos nosos pobos orixinarios. Eles ramificaron un dos máis grandes legados que o home pode recibir: o respecto pola Pachamama, a cal nos brinda todo para que poidamos subsistir. 
Hoxe, esas pólas, logo de moito esforzo, foron medrando ata tocar as novas xeracións e merecer a custodia da nosa Constitución Nacional e dos descendentes dos pobos orixinarios que seguen elevando a súa voz para que os seus dereitos sexan respectados. 
Cada un de nós debe aprender a colleitar os froitos resignificando e recoñecendo a nosa multiculturalidade, recoñecendo a preexistencia étnica e cultural dos pobos orixinarios americanos, respectando os seus dereitos e garantindo as súas necesidades básicas e mirando con outros ollos a estas comunidades que foron as primeiras defensoras do noso chan.
Con certeza, deste xeito, a gran árbore da identidade cultural arxentina, americana e mundial acubillaranos coa súa sombra e permitiranos medrar orgullosos das nosas raíces, sexan estas cales foren.
Àlbum de fotos AQUÏ
Galería de fotos