53 páxinas das nosas Letras
A señora presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, presidiu o acto de inauguración da exposición 53 páxinas das nosas Letras que o Parlamento de Galicia desprazou á nosa cidade e que estará exposta nas instalacións do Centro Galicia ata o día 3 de maio.
Acompañaron á señora presidenta neste acto, entre outras autoridades, o presidente do Centro Galicia de Bos Aires, Agustín Diz Portabales; Pedro José Sanz Serrano, ministro conselleiro da Embaixada de España en Bos Aires, o cónsul xeral de España en Bos Aires, Rafael Tormo Pérez; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, o secretario da Real Academia Galega, Xosé Henrique Monteagudo Romero; o conselleiro de Educación da Embaixada de España, Francisco Javier Moldes Fontán; o delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, o presidente da Delegación arxentina da Fundación Galicia América e representante legal do Instituto Santiago Apóstol, Manuel Peleteiro Pérez e a presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Débora Campos Vázquez.
Antes do acto formal protocolario, entregáronse os premios Educacine que, convocados pola Consellería de Educación da Embaixada de España, recaeron nos alumnos de 5.º curso de Bacharelato da promoción 2014, Luciano Caprara e Juan Bautista Pedrozo (1º premio) e Juan Bustamante e Elías Kim (3º premio).
O acto tivo como mestres de cerimonia aos alumnos Sofía Sapienza e Jonathan Sánchez González. Reproducimos algunhas liñas da súa alocución e deixámoslles dúas ligazóns á nova.
“Alí descubrín a personalidade histórica e o signo diferencial do noso país; alí estudiei e fun adquirindo unha cultura xeral da que carecía cando emigrei, e unhas técnicas para a utilización da palabra escrita; alí abrollou a miña latente vocación literaria; alí publiquei os meus primeiros escritos e asumín de por vida a lingua do meu pobo para toda creación e comunicación; alí convertinme nun apaixonado activista da cultura galega, no seu máis amplo sentido, sempre en consonancia co achegamento e a solidariedade respecto dos demais pobos. En suma, aquel mociño da aldea que era eu, cheo de inquedanzas, pero ignorante de case todo, foi evolucionando na emigración, e esto ocorría en Buenos Aires.”
As que acabamos de escoitar son palabras enunciadas o día 17 de novembro de 2001 por don Xosé Neira Vilas no seu discurso de ingreso á Real Academia Galega. Nel lembraba a importancia que esta beira do Prata tivo na súa formación persoal, mais tamén a transcendencia dos traballos acó desenvolvidos para construír a Galicia democrática e autónoma que hoxe coñecemos. Abofé, se Galicia existe como tal, é en gran medida polas incalculables achegas emigrantes materiais e inmateriais.
Hoxe, acó, nesta Bos Aires plural, Galicia segue a existir, segue transitando e deseñando con intelixencia o seu devir; Galicia afírmase cada día máis e, procurando fuxir de ornamentos artificiais innecesarios, conxuga a sabedoría dos devanceiros cos folgos vivificadores das novas xeracións, estas que acrecentan –acrecentamos– con coñecemento, grazas á nosa formación, a máis que nunca viva, Galicia ideal.