3.eiro Encontro para a Mellora Institucional (EMI)

IMG-20190626-WA0011

O pasado mércores desenvolvemos na nosa institución o 3.eiro Encontro para a Mellora Institucional (EMI). Esta xornada, contemplada no calendario oficial da Dirección Xeral de Educación de Xestión Privada (DGEGP), procura que o persoal das diferentes institucións educativas afonde nos distintos aspectos pedagóxicos que a cotío desenvolve.

No noso instituto, en primeira instancia, aproveitamos esta ocasión para capacitarnos no uso da plataforma Santillana Compartir. Para isto, Bárbara Vergara, asesora da editorial antes citada, traballou co equipo docente co obxectivo de resolver dúbidas e incrementar o uso desta valiosa ferramenta didáctica.

Posteriormente, os niveis inicial e primario desenvolveron un encontro no que analizaron as actitudes que o noso labor implica, avaliando as dificultades e propoñendo solucións. Os docentes somos conscientes da importancia do noso cometido diario; educamos nenos e nenas diversos/as, persoas que constitúen a esencia dun futuro mellor e, por isto, a motivación, o dinamismo, a autestima… han ser elementos innegociables da nosa función. E sempre dentro dun clima de respecto e afecto, coas familias –piar de apoio necesario– sempre ao noso carón acompañando as estratexias que os profesionais deliñamos.

Pola súa parte, o nivel secundario deseñou –a partir da situación presente– unha liña de traballo futura coa plataforma Santillana Compartir e proxectou estratexias para implementar un cambio no proceso avaliador que permita ao mozo e á moza desenvolverse sen presións estériles, creando un contexto amigable para o saber e para a potenciación das capacidades diferenciadas de cada alumno e alumna, algo que redundará nunha mellora dos de por si excelentes resultados que os mozos e mozas obteñen diariamente.

Galería de fotos