Día de Galicia 2018

A piques de rematar a primeira parte de curso e antes de iniciar as vacacións de inverno, os alumnos e alumnas do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires organizaron un espectáculo co obxectivo de honrar a Galicia –alma máter do noso centro de estudos– e, asemade, contribuír cunha achega máis no espallamento da súa realidade patrimonial, construída ao longo do tempo grazas tamén aos devanceiros que dende Bos Aires e dende outros lugares do mundo traballaron para facela posible.

Facundo Pedrozo e Luana Muracciole, encargados de conducir o acto, destacaron que “neste colexio ampliamos os nosos coñecementos, adquirimos novas destrezas e compartimos saberes. E facémolo tendo presente que formamos parte desta Arxentina plural que se engrandece coa achega de moitas comunidades que a foron erixindo ao longo do tempo”. Asemade, engadiron: “Dentro de todos eses pobos, xogou e ha de xogar un papel central, Galicia, unha Galicia diversa, rica, tradicional e moderna; unha Galicia que nós queremos e desexamos pór en valor, sexa porque forma parte do noso ADN familiar ou sexa porque afectivamente nos namorou. ´Galego pode ser quen queira´ dixo alguén; abofé, nós tamén somos, con humildade, galegos. E neste mundo conectado, neste mundo sen barreiras, cada día que pasa, máis”.

O salón de actos Valle Inclán do Centro Galicia acolleu os dous actos co obxectivo de poder acoller a todo o alumnado e ás familias que en gran número se achegaron ao instituto para gozar coa festa que prepararon os mozos e mozas.

O grupo de bailes tradicionais da escola, dirixido pola profesora Mari Patiño; o coro escolar que dirixe a profesora Susana Ferré; o grupo de música folk que coordina a profesora Julia Faletty e o grupo de música que conformaron para a ocasión os alumnos Macarena Negreira, Luna Fernández, Belén Busca, Alan Contreras, Francisco Ayré e Lautaro Rojas encheron de música e alegría a hora e cuarto que durou cada función.

Por outro lado, máis aló da música, a cita serviu para recordar ao escritor Xabier P. Docampo, finado o pasado 26 de xuño na Coruña. O compromiso e apoio que sempre tivo co noso centro educativo foi resaltado polos presentadores que deron paso a Martina Bendoiro, Daniela Antonena e Luca Posatini Saez, alumnos que leron fragmentos de 3 das súas obras. Do mesmo xeito, o alumnado recordou unha vez máis a María Victoria Moreno, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano. Nicolás Basounik e Gianna Demaldé puxeron voz a 2 textos seus.

A licenciada Sylvia Pulpeiro, asesora institucional do Santiago Apóstol, pechou o evento destacando que estamos sempre en Galicia e Galicia debería tomar nota como o alumnado a representa, a mostra, a quere e a acompaña permanentemente. A prestixiosa educadora destacou tamén o compromiso e a solidariedade que os mozos e mozas levan sempre por bandeira e mostrouse esperanzada nun futuro prometedor con xeracións novas coma as que conforman o noso colexio.

MAIS FOTOS AQUÍ

Galería de fotos