Visita do Excmo. Sr. Embaixador de España en Arxentina

No día de hoxe, o noso centro educativo tivo a honra de recibir a don Francisco Javier Sandomingo Núñez, Embaixador de España na República Arxentina.
Aínda que a visita de autoridades sempre supón para o noso instituto unha ocasión inigualable para dar a coñecer as múltiples actividades que desenvolvemos, neste caso puntual, a presenza da máxima autoridade de España no noso país colmou todas as expectativas previas do noso alumnado debido ao interese, sinxeleza e proximidade que o Embaixador dispensou durante toda a súa visita.
Ao longo do seu percorrido, nas salas do nivel Inicial e na Ludoteca puido comprobar o dinámico traballo que as docentes poñen en práctica nas súas aulas, dialogou cos mozos de modo distendido e apreciou a moderna liña pedagóxica que seguimos. No 2.º andar da institución comprobou o traballo dos nenos e nenas de 5 anos na clase de Música e escoitou atento un tema que lle dedicaron, dialogou co alumnado de 3.eiro grao e prestou atención ás exposicións que os mozos e mozas lle brindaron acerca dos plans educativos que están a desenvolver dentro dunha aprendizaxe por proxectos que mestura experiencias e constantes achegas dos alumnos, alma máter de todas as iniciativas. Posteriormente, no terceiro andar, despois de coñecer a sala de Informática, foi recibido polo alumnado maior da institución. Matías Ávalos, alumno de 5.º curso de Secundaria, deulle a benvida e, no nome dos seus compañeiros e compañeiras, agradeceulle a súa presenza no colexio.
O señor Embaixador, na súa alocución, destacou a importancia da educación neste século, subliñou a necesidade de potenciar o contacto entre culturas e animou aos mozos para que se sintan partícipes activos na conformación do seu futuro. Asemade, ademais de ofrecerse xentilmente para vir impartir unha conferencia e manter así un contacto aínda máis directo cos mozos, mostrou a súa satisfacción como galego e español ao ver un centro de estudos moderno que traballa con dinámicas actuais e encara con solvencia os retos deste século.
Finalizou a visita cun encontro coa Delegación arxentina da Fundación Galicia América, antes de asinar no libro de ouro institucional.
Grazas, don Javier, polas súas atencións.
