Formouse o noso Comité Ambiental dentro do Programa Escolas Verdes

O noso instituto postulouse neste ano 2016 para a obtención do Lazo ambiental como “Escola comprometida” dentro do Programa Escolas Verdes impulsado polo Ministerio de Educación do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires.
Como forma de xerar un cambio cultural no que situar aos alumnos e alumnas como axentes de cambio en cuestións de coidado da ecoloxía, educación en valores, sustentabilidade e alimentación saudable, o mércores, 24 de agosto, reuniuse o designado comité ambiental escolar integrado, durante o período que vai de setembro de 2016 a setembro de 2017, por representantes dos diversos actores da vida institucional ao que se irán sumando paulatinamente outros como mozos e mozas do nivel Secundario, docentes, familias e persoal non docente.
Os presentes nesta primeira reunión debateron sobre os obxectivos do programa verde, realizaron un diagnóstico guiado sobre o coidado de recursos e aforro de enerxía na escola e fixaron un acordo ambiental que servirá de marco para avanzar nunha segunda reunión que haberá de realizarse no mes de novembro deste ano que andamos. Asemade, decidiuse instalar unha carteleira ambiental de cor verde no acceso principal do instituto. Nesta, co obxectivo de crear conciencia sobre esta transcendente temática, iranse publicando novas vinculadas a todo o relacionado coa problemática e lembraranse as efemérides relacionadas coa prevención e coidado do medio ambiente.
Asinaron o libro de actas Lucas Carosella e Mora Pedrozo, alumnos de 6.º A e B; Araceli Fernández, referente ambiental 2016/2017 e docente de nivel Inicial; Valeria Gómez, referente ambiental 2016/2017 e docente do nivel Primario; Cecilia Borgo, vicedirectora dos niveis Inicial e Primario, e Fernando Doural, asesor en comunicación institucional.
Imos cara a unha escola verde, fortalecendo os nosos lazos ambientais!