Visita de Anxo Lorenzo, Luís González Tosar, Armando Requeixo, Luís Pousa e Xardín Desordenado
O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo Suárez, encabezou a delegación do Goberno Galego que co gallo da 40.ª edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires visitou a nosa cidade e, coma todos os anos, se achegou ao Instituto Santiago Apóstol para compartir uns momentos co alumnado do centro de estudos.
Nesta visita acompañaron ao secretario xeral a subdirectora de Bibliotecas da Xunta de Galicia, Cristina Rubal González; a asesora da Secretaría Xeral de Cultura, María Xosé García Barallobre; o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o escritor e crítico literario, Armando Requeixo Cuba, o responsable da sección “Opinión” do xornal La Voz de Galicia, Luís Pousa Rodríguez, e o grupo musical Xardín Desordenado.
Nun acto desenvolvido no Salón Valle Inclán do Centro Galicia, os máis de 200 alumnos e alumnas recibiron os visitantes con palabras e mostras de agradecemento por permitirlles coñecer da man de dous dos seus máximos estudosos a obra de Xosé María Díaz Castro, autor protagonista das Letras Galegas deste ano.