Inauguración do Polo Creativo

20241115_150013

O Sr. conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, don Román Rodríguez González, inaugurou hoxe o Polo Creativo do noso centro educativo, espazo que conta con múltiples elementos tecnolóxicos de última xeración e que pon ao noso colexio nunha situación de privilexio para encarar os necesarios cambios metodolóxicos futuros que a educación deste século ha de afrontar.

Don Román Rodríguez quixo que en tal importante e transcendente evento o acompañasen importantes autoridades académicas de Galicia. Deste xeito, Don Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; dona María José Bravo Bosch, secretaria xeral da Universidade de Vigo; don Alejandro López Dobarro, delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires; don Juan José Nieto Roig, presidente do Consello Reitor da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia; don José Eduardo López Pereira, director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia; don Pablo Ferradás Madriñán, xefe de Gabinete da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e dona Ana López, membro do Gabinete de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, estiveron presentes para certificar o apoio que a comunidade académica e política galega brinda ao Instituto Santiago Apóstolo.

Logo dun percorrido polos diferentes andares do colexio durante o que a máxima autoridade educativa do Goberno Galego saudou e dialogou cos nenos e nenas dos niveis Inicial e Primario, no sexto andar do edificio escolar descubriuse a placa conmemorativa que deixa testemuño deste importante paso adiante.

As presentadoras do acto, Pilar Lombardo Castagnino e Fiorella Campos Calderón, logo de agradecerlle á Xunta de Galicia o apoio constante que dispensa á nosa escola, deixaron constancia da alegría que supuña para os estudantes tamaña consecución: “Nas clases aprendemos (tamén palpamos en primeira persoa) que a sociedade deste século afronta un reto monumental; isto é, saber adaptarse con criterio aos constantes e inmediatos cambios que se están producindo. Sen dúbida, só a partir dunha educación que transmita coñecementos, acompañe ao alumnado e, por riba, fomente a innovación e a creatividade poderemos transitar as nosas vidas en liberdade”. E engadiron: “Vemos acotío que a humanidade precisa persoas preparadas, creativas e innovadoras. Oxalá nós, levando no corazón á Galicia que sustentou parte da nosa preparación, sexamos quen de honrala no futuro acompañando o noso quefacer cotián con tantos valores transmitidos.” Asemade, dirixíndose ao señor conselleiro, dixeron: “Queremos que saiba que non pasa desapercibido para nós todo o que fixo e segue facendo por este Santiago Apóstolo, algo que nos enche de orgullo e agradecemos fondamente”.

Xa no espazo que aloxa o Polo Creativo, don Manuel Peleteiro Pérez, presidente da Delegación Arxentina da Fundación Galicia América, volveu transmitir a alegría que supuña este fito para a comunidade educativa do Santiago Apóstolo e recalcou a transcendencia de apostar por unha educación que achegue ao alumnado a Galicia moderna e puxante de hoxe para que os rapaces e rapazas a fagan súa e colaboren no seu crecemento con coñecemento e achegas construtivas.

Pola súa parte, o señor conselleiro de Educación da Xunta de Galicia debullou a realidade educativa presente, unha realidade que precisa mozos e mozas comprometidos, inquedos e ávidos de coñecemento. O alto mandatario galego animou ao alumnado a que potencie a súa creatividade, exercite o pensamento lóxico e trate de edificar o seu futuro dende a sensatez, a liberdade e a autonomía imaxinativa.

Don Román Rodríguez explicou que todos os colexios de Galicia posúen un Polo Creativo, mais faltaba un; este é o Polo Creativo do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires, pois este centro é un colexio galego cos mesmos dereitos que aqueles que se atopan nas 4 provincias administrativas.

Finalizada a cerimonia, a comitiva mantivo un encontro coa Delegación arxentina da Fundación Galicia América.

Galería de fotos