Día de Galicia 2014

O pasado venres, día 18 de xullo, coincidindo co inicio do receso invernal, o alumnado do instituto realizou dúas funcións artísticas en conmemoración do Día de Galicia.

Introduciron o acto os alumnos Camila Álvarez e Francisco Rodríguez, os cales recordaron que foi no ano 1919 cando se reuniu na Coruña a “Asembreia das Irmandades da Fala” e que nese encontro intelectuais como os irmáns Vilar Ponte, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas acordaron celebrar no día 25 de xullo do ano seguinte o Día de Galicia. Os presentadores fixeron fincapé en que a revista A Nosa Terra, como órgano de expresión das Irmandades, festexaba desde as súas páxinas o 25 de xullo de 1920 o primeiro Día de Galicia, ao que se refire como unha data “de lembranza da Patria natural que dende antigo, como agora e sempre, ha ser a única patria verdadeira do home” e remataron a parte introdutoria con estas palabras: Por todo isto, dende o Instituto Santiago Apóstol erguemos a nosa voz para lembrar as orixes e aferrarnos aos novos tempos que transitamos coa firmeza do coñecemento pretérito na procura dos horizontes futuros.

Logo da interpretación dos himnos arxentino, español e galego en presenza das bandeiras de cerimonia portadas polos abandeirados institucionais, o alumnado da clase de música do nivel Secundario dirixido pola profesora Julia Faletti interpretou o tema “Andro”.

A continuación, subiu a escena o coro escolar do instituto dirixido pola profesora Susana Ferré que interpretou3 temas. En primeiro lugar, a cantiga medieval do século XIII composta polo rei Afonso X, o Sabio, titulada “Santa María, estrela do día”; en segundo termo, “Fui eu madre, en romaría a Faro con meu amigo”, cantiga de Xoán de Requeixo, trobador do século XIII, e pecharon a súa intervención co coñecido tema de Astor Piazzola, “Decaríssimo”.

Como colofón a estas presentacións de indubidable calidade artística, o público asistente puido gozar cunha posta en escena preparada polos profesores Fernando Naval, Alejandra Lorenzo, Julia Faletti e Marta López, coa colaboración dos exalumnos Sofía Mezzina Iglesias e Federico Trillo, na que o alumnado do noso instituto homenaxeou a cultura galega; en palabras dos presentadores, esa que sen ser nin mellor nin peor que outras convive en harmonía co resto sen tensións innecesarias. Nela realizouse un percorrido pola realidade sociolingüística de Galicia a partir dunha dramatización con música en vivo e incidiuse na importancia que posúe nos nosos días o respecto pola diversidade cultural, a riqueza que supón o seu afianzamento e o compromiso que habemos de manter cos valores máis elementais que configuran o ser humano.

Galería de fotos